'Toponimízate' divulgará os nomes da terra en dezaseis localidades

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chegará entre os meses de novembro e decembro a dezaseis localidades. A Real Academia Galega coordina esta iniciativa en colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os responsables de ambas as entidades, o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral, Valentín García, presentaron na sede da RAG a campaña xunto a María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que impartirá as charlas. Cóntase coas achegas do académico correspondente Gonzalo Navaza para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas.

A campaña deste ano 2019, como as de anos  anteriores, forma parte das actividades de desenvolvidas co financiamento do Programa europeo de cooperación Interreg VA España-Portugal (POCTEP 2014-2020), que se incardinan concretamente no proxecto chamado 0358 GEOARPAD "Patrimonio Cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".

"Con esta iniciativa, pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos", salientou o presidente da Academia. "A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros. Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela", engadiu Víctor F. Freixanes.

Valentín García incidiu tamén no gran valor da toponimia galega e a obriga de protexela. "A Xunta de Galicia, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco do proxecto Toponimia de Galicia, reafirma o seu compromiso coa Real Academia Galega para salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que constitúen a toponimia e a microtoponimia, unha gran riqueza e obra colectiva dos galegos e das galegas, que non podemos deixar esmorecer", sinalou o secretario xeral de Política Lingüística.

Datas programadas nas catro provincias e no Bierzo

O calendario da que é xa a terceira edición da campaña arrincou o pasado 4 de novembro en Mazaricos e continuou en Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz e Ordes. As vindeiras sesións terán lugar o mércores 27 de novembro en Guitiriz (ás 19 horas no Telecentro), o xoves 28 en Lalín (Biblioteca Valera Jácome, 20 horas), o venres 29 en Taboada (Casa da Cultura, 19 horas) e o sábado 30 de novembro no Bierzo (salón de plenos do Concello de Carucedo, 12 horas).

O programa continuará nas seguintes semanas en Muxía (o 4 de decembro na biblioteca municipal ás 10:30 horas), Noia (5 de decembro, Casa da Cultura, 19 horas), Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra, 14:30 horas), Cerdedo Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples, 15.45 horas), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas).

Está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar, avanzou Valentín García.

Galería de imaxes
Tipos