Toponimízate fai un chamamento para a recuperación da toponimia en Laza
A Campaña Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, achegarase este venres á provincia de Ourense a un dos concellos que exemplifica como poucos a necesidade e urxencia de recollermos a nosa toponimia tradicional, Laza.
Con 215,9 quilómetros cadrados, Laza figura no posto 16 na relación de municipios con maior extensión de Galicia. Porén, na aplicación Galicia Nomeada só hai compilados 74 topónimos, 22 deles correspondentes ás denominacións das súas entidades de poboación. Ao tratarse dun territorio de montaña, onde moitos dos topónimos identifican zonas extensas de terreo, calculamos que pode haber unha media duns 30 microtopónimos por quilómetro cadrado, o que nos daría a cifra de 6.500 nomes que quedarían por recoller neste concello ourensán. A isto cómpre sumarmos a despoboación que está a sufrir o interior da provincia de Ourense que provocou que en só catro décadas este municipio vise reducido case a un terzo os seus habitantes. Nunha situación semellante en canto á recollida de microtoponimia están algúns dos municipios da súa contorna como Cualedro, Monterrei, Trasmirás ou Verín, onde non se levaron a cabo os labores do Proxecto de Toponimia de Galicia cando estivo vixente a comezos deste século.
Desde que se puxo en marcha a finais do ano 2019 o proxecto colaborativo Galicia Nomeada, nesta comarca puidéronse recuperar arredor de 400 microtopónimos, grazas a diferentes colaboradores que de forma altruísta se sumaron ao proxecto. Pero o número de participantes aínda é moi escaso tendo en conta a extensión total do territorio, polo que desde o programa Toponimízate facemos un chamamento para que acudan á cita o maior número posible de persoas interesadas nesta tarefa.
Por estes motivos, a charla deste venres en Laza ten unha especial importancia. Presentado polo alcalde, José Ramón Barreal Novo, o coordinador técnico de Galicia Nomeada e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, explicará como contribuír a este labor de salvagarda das nosa toponimia tradicional coa aplicación colaborativa, que se poderá usar desde un ordenador ou desde calquera dispositivo móbil.
Ademais deste aspecto máis técnico, haberá un espazo dedicado, como é costume, á falar das orixes dos nomes das 10 parroquias e dos 22 lugares que forman parte deste concello ourensán, unha sección que conta co apoio do académico e profesor universitario Gonzalo Navaza.