A toponimia é talvez unha das ramas do saber que máis se dá para a inventiva e é frecuente acharmos multitude de lendas, historias e contos que ligan tal ou cal topónimo a unha orixe moi afastada da realidade. Xa comentamos nesta páxina, a propósito de Cervo ou de Valadouro, por exemplo, que a etimoloxía popular é o establecemento da orixe dunha palabra, neste caso topónimo, baseándose nas crenzas e nas opinións de xente non especializada na ciencia da etimoloxía. Mais ás veces, as historias toponímicas teñen parte de razón, como acontece no topónimo Lousame.
Quen coñeza este concello lindeiro de Noia e pertencente á comarca do Barbanza coincidirá en describilo dun único xeito: trátase dun lugar ben pedregoso. Non en van, unha das tradicionais fontes económicas da zona foi a minaría, a cuxa cabeza estiveron as minas de estaño e de wolfram de San Fins.
Tendo toda esta tradición detrás, non podía ser doutro xeito que a relación de Lousame con lousa chegase ao inventario popular… mais tendo toda a razón! Segundo a principal teoría, Lousame procede da palabra prelatina LAUSA, “pedra plana” e indicaría un lugar con abondantes rocas deste tipo, como a realidade aparente quere indicarnos.
Existen moitísimos nomes de lugar relacionados co étimo LAUSA (Lousa, Lousada, Casalousada, Fontelousada…) mais ningún como Lousame, outro topónimo único en toda a nosa xeografía.
Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata…
A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os…