Polas terras de Melide contan que antigamente houbo neste punto unha grande batalla. Mentres loitaban, un dos xefes dos exércitos mandou que mil homes adiantasen a súa posición para tomaren o forte do seu opoñente. E mandounos ao berro de “Mil, ide!”.
Esta graciosa lenda que aínda se pode escoitar polas terras de Melide só é unha das moitas historias que se contan arredor do nome da vila. Murguía faino proceder do bravo soldado Milhert; Cabeza Quiles recolle a hipótese do caudillo mahometano Abdalá ben Melik, que libraría unha batalla en 812 á beira do río Furelos; e Álvarez Carballido fala dunha suposta fundación da vila duns xemelgos monocigóticos, en latín MELLITIUS.
Malia estar errada, a tese de Carballido non está desencamiñada: a hipótese máis posible, defendida por Martínez Salazar, Joseph Piel ou Taboada Roca, fai derivar Melide, do nome de persoa MELLITUS, formado sobre unha base latina MEL MELLIS, “mel” mais o sufixo onomástico -ITUS. Estariamos, por tanto, ante un xenitivo de posesión *(villa) Melliti, isto é, a Vila de Mellitus, pero non de xemelgos.
Esta teoría, e outras, aparecen recollidas na obra Toponimia do Concello de Melide, obra de Joaquim Vázquez Rodríguez.
A toponimia do conxunto de España amosa abundantes mostras de referencias ás augas, mananciais ou fontes, pois estas foron e son…
Ata confluír co río Cabe en Monforte de Lemos, o río Mao percorre tamén os concellos de Bóveda e O Incio, onde nace preto da aldea das…