O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello ourensán de Riós, vixente na actualidade, que pasará a ser oficialmente O Riós, con artigo, en consonancia coa documentación histórica do topónimo e co uso aínda vivo na fala da poboación local.
O Riós é un topónimo de orixe controvertida. Na documentación medieval atéstase como “Orriolos” (a. 1029), “villa Urriola” (1031) ou “Orrios” (1204), como podemos comprobar no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae. Existen tres hipóteses etimolóxicas para explicar este nome de lugar: ben do latín HORREOLOS, diminutivo de HORREUM ‘tulla, celeiro, despensa’, pero existe o inconveniente de que nesta zona de Ourense non existe este tipo de construcións; ben a partir do latín RIVIOLUS, ‘regueiros pequenos’, segundo proposta de Moralejo Lasso, pero isto tería que dar o topónimo Os Riós; ben a partir dunha raíz prerromana *Orr- co significado de ‘alturas, cumes’ ou ‘val entre montañas’, como defende, entre outros, Vicente Feijoo Ares, común a outros topónimos de Ourense, Zamora e norte de Portugal: Orra, Urrós, Orreta...
Se ben é certo que a forma aglutinada e etimolóxica do topónimo Orriós se mantivo na escrita ata o século XIX, como podemos ver no Parroquial de Tosar, desde antigo produciuse unha segmentación do topónimo a partir da interpretación do o- inicial como artigo masculino. Formas como O Riós e a súa castelanización en El Riós aparecen xa en documentos do século XVI: por exemplo, no Libro segundo de testamentos do ano 1543 que se conserva no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela rexístrase un poder en que se menciona a igrexa de “Santa María de O rrios”, separado en liñas diferentes.

Orriós no Parroquial de Tosar

"Santa Maria de o rrios" no Libro segundo de testamentos do ano 1543 que se conserva no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Fonte: Galiciana
No Catastro de Ensenada de 1752 e nas súas comprobacións dunha década despois confírmase a consolidación da forma castelanizada coa falsa segmentación do artigo, pois así é como aparece en múltiples ocasións: “Sta Maria de el Rios”, nas respostas xerais ao interrogatorio; ou “la villa del Rios”, nas comprobacións.

Interrogatorio da freguesía de “S.ta Maria de el Rios”. Fonte: PARES

“En la Villa del Rios” nas comprobacións do Catastro de Ensenada
Esta forma segmentada tamén figura en obras de relevancia como o Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal de Sebastián Miñano, onde a parroquia de “Riós [Santa María del]” conta con entrada propia:

Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal de Sebastián Miñano
Cando se crea o concello ao abeiro do Real decreto do 23 de xullo de 1835, aparece denominado simplemente como Riós (BOP núm. 57 do 19 de xullo 1836), forma coa que quedaría fixado o topónimo oficialmente ata a actualidade.
Esta instauración da denominación oficial do concello non impediu que, na documentación oficial e mais en textos xornalísticos ou literarios, seguise aparecendo a forma con artigo, como pode verse nunha busca en arquivos dixitais como Galiciana ou no Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), por citarmos dous casos. Ademais, conservouse viva na fala da contorna: as formas “Estou no Riós”, “Vivo no Riós” ou “Son do Riós” son espontáneas e habituais. Mesmo existe unha cantiga tradicional recollida por diferentes cancioneiros que confirma este uso: “Viva A Chaira, viva A Chaira, / ai, viva A Chaira do Riós / viva A Chaira, viva A Chaira, / ai, que da Chaira sómor nós”. O propio Concello do Riós empregou nos últimos anos o topónimo O Riós nos bandos municipais ou nas novas da páxina web municipal.
Por todo o anterior, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu restaurar o artigo con este topónimo, O Riós, ben documentado e usado pola veciñanza, a semellanza doutros nomes de concello onde tampouco é etimolóxico coma no caso do Grove (< OCOBRE), O Incio (< ONITIO) ou A Baña (< ABANIA).
FONTES E BIBLIOGRAFÍA
Boullón Agrelo, A. I. (2011). O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización. Revista galega de filoloxía, 12. Páx. 11-35
Corpus Documentale Latinum Gallaeciae. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. <https://corpus.cirp.gal/codolga/>
Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas del lugar y coto de Trepaa en la feligresía de Santa María de Ríos (Ríos, Orense), efe ... Archivo General de Simancas <https://pares.mcu.es:443/ParesBusquedas20/catalogo/description/6091680>
Feijoo Ares, V. (2025). O Seminario de Onomástica responde: O Riós <https://youtu.be/tuJNU1TIxCk?si=Q48mZetHrv_qErP->
Libro segundo de 1543 (1542 / 1544). Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela < https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=2333898>
MIñano y Pascual, S. (1827). Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. VII. Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.
Real decreto do 23 de xullo de 1835 para el arreglo provisional de los Ayuntamientos de la Península e Islas adyacentes. Gaceta de Madrid. Suplemento do 24 de xullo de 1835 <https://www.boe.es/diario_gazeta/comun/pdf.php?p=1835/07/24/pdfs/GMD-C-1835-206.pdf>
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…