O Eo, o río que deixou dous topónimos diferentes en Ribadeo

O Eo é un dos ríos máis relevantes do país, non só por figurar entre os máis longos senón polo simbolismo de actuar como fronteira natural polo leste coas terras de Asturies. A súa importancia fica tamén resaltada ao lle dar nome a unha fonte (Fonteo), unha ría e un concello, Ribadeo, onde ademais quixo deixar outro topónimo a partir da súa raíz.

Ribadeo, como moitos outros, é un topónimo transparente na súa forma: o substantivo "riba", a preposición "de" e nome do río "Eo". A palabra latina RIPA, “ribeira, costa” dá en galego común e en toponimia a voz riba, coa sonorización clásica do -p- intervocálico latino en -b-. Os derivados desta palabra na toponimia son moi comúns e dánse en case toda a xeografía baixo as formas Riba, Ribas, etc.

O nome Eo, en cambio, non é tan transparente, como adoita acontecer con aquelas palabras con étimos afastados no tempo. Malia existir controversia canto á procedencia, hai unanimidade á hora de afirmar o seu carácter prelatino. A hipótese que conta con máis suceso na actualidade é de Edelmiro Bascuas, que na obra Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega apuntou ao étimo *oiw-upe, con significado hidrónimo, como a probable fonte do Eo. A partir dese étimo chegaríamos ás formas medievais Euve, Euue ou o Iube que atopamos no manuscrito orixinal máis antigo da península Ibérica, a doazón que o rei Silo fai o 23 de agosto de 775 a cinco frades para construíren unha igrexa inter Iube (Eo) et Masoma (Masma).

Deste Euve sairía, por tanto, o Eo mais tamén os diferentes Ove que encontramos na freguesía ribadense de San Xoán de Ove (O Chao de Ove, O Río de Ove e As Travesas de Ove).

O Eo é, pois, un río tan vizoso que ata nos deixou dous topónimos a partir da súa raíz.

 

Tamén che pode interesar...

Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…

A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…