Oleiros salienta hoxe por ser o concello do país con maior renda per cápita. Pero a súa riqueza vai máis alá da pecuniaria: a súa xeografía, ademais de situalo nunha posición privilexiada na comarca das Mariñas fronte ao mar, está inzada de lugares con topónimos únicos en toda Galicia e, sobre todo, curiosos. Dous deles remóntanos a un pasado glorioso ou lévannos á felicidade extrema: Babilonia e A Nirvana.
Babilonia foi unha cidade antiga da baixa Mesopotamia, centro de comercio, arte e coñecemento, toda unha ‘porta de deuses’, segundo o significado que tivo o topónimo sumerio orixinal. Mais A Babilonia tamén é unha pequena localidade da freguesía de Liáns, que comparte, ademais do nome, unha característica coa capital mesopotámica: as dúas hoxe están despoboadas.
Pouco sabemos da orixe do nome A Babilonia de Liáns, ademais de que ten que ser un topónimo replicante da Babilonia histórica. Agora ben, por que motivo? Cabeza Quiles, na súa Toponimia de Galicia, aventurou a hipótese de que este nome estivese asociado a unha lenda dunha cidade asolagada do mesmo xeito que “Antioquia, a cidade maldita non temerosa de Deus, que segundo a tradición, xace asolagada baixo as augas de varias lagoas de Galicia”. Outra hipótese que descubrimos da serie documental da Asociación Socio-Pedagóxica Galega “Os nomes da nosa terra”,, relaciona o nome A Babilonia co caletre que tivo un cura da parroquia: segundo esta teoría, o párroco decidiu chamarlle así á zona por estar delimitada entre dous regos, como a Babilonia orixinal que estaba entre o Tigris e mais o Éufrates. Non podemos descartar tampouco que o nome sexa de orixe humorística, tomada da cultura bíblica eclesiástica.
Mais, se o feito de atoparmos unha Babilonia en Oleiros é ben curioso, non o é menos chegarmos a ese estado de felicidade suprema que é o nirvana na crenza budista. A Nirvana non figura no Nomenclátor de Galicia, pero fai referencia a unha zona situada nas proximidades do areal de Bastiagueiro Pequeno, onde hai un Miradoiro da Nirvana e un Parque da Nirvana.
A diferenza do topónimo A Babilonia, neste caso si temos documentada a súa orixe: en 1959, unha iniciativa privada quixo crear unha “colonia de verán” que se vendía na prensa como un “enclave privilexiado por estar situada entre a estrada e o mar, con cantís naturais, un frondoso arboredo, magníficos accesos e punta avanzada entre as concorridas praias de Santa Cristina e Bastiagueiro”. O nome da colonia, que figurou en carteis publicitarios onde se vendían predios de 1000 m2, acabou por bautizar a zona como A Nirvana.
Unha última curiosidade: para ires á Babilonia desde A Coruña, tes que chegar antes á Nirvana, pero non no sentido figurado, senón no xeográfico.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…