Parrochas de interior e do sur de Galicia

Unha das dicotomías dialectolóxicas máis recoñecidas do país é aquela que divide a Galicia das parrochas da Galicia das xoubas: grosso modo, desde a costa de Laxe cara ao Cantábrico, incluída a Mariña eonaviega, son “parrochistas”; mentres que de Laxe cara ao sur, son “xoubistas”. 

O exposto anteriormente levaríanos a pensar que de atoparmos algunha Parrocha na toponimia, esta estaría situada nalgún punto do litoral da Coruña, Lugo ou o occidente de Asturias e a súa orixe tería algunha relación coas actividades mariñeiras. Esta idea estaría reforzada polo feito de que o único significado que recolle o Dicionario da Real Academia Galega é o de “sardiña pequena”

Porén, chama a atención que dos 13 lugares que aparecen recollidos no Nomenclátor, só un deles reúne o condicionante anterior. Este sería o lugar da Parrocha situado na parroquia do Esto, no concello de Cabana de Bergantiños. O resto, están localizados ben no interior ou ben na parte sur do país, onde “xouba” é a forma única para se referir a este modesto mais suculento peixe.  

Daquela, como podemos explicar a existencia dunha Parrocha en Rodeiro?  

A resposta podemos atopala nos dicionarios antigos. O Padre Sobreira definiu a voz “parrocha” en 1790 como “cepa silvestre” e no Dicionario de Eladio Rodríguez, como “caseta para guardar herramientas o para guarecerse cuando se tiene una finca lejos de casa”. Algún destes dous significados, como construción ou fitotopónimo, ha de estar presente nestoutros lugares chamados A Parrocha, segundo conclúe Gonzalo Navaza na súa obra Fitotoponimia galega.

Tamén che pode interesar...

Moitas veces reparamos nesta sección naquelas xoias toponímicas que, por seren únicas, destacan entre os máis de 42.000 topónimos que…

O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Moscoso (San Paio)…