Quen foi o Afonso que lle deu nome á Ponte Nafonso?

Situada no esteiro do río Tambre, a ponte que dá nome a esta entidade de poboación e que une os concellos de Noia e Outes está considerada un dos elementos máis senlleiros da enxeñaría medieval galega. Conta con 270 metros de longo e comunica os dous barrios da localidade chamada A Ponte Nafonso, un situado na parroquia de Roo (Noia), o outro na parroquia de Cando (Outes).

Existe unanimidade entre os investigadores respecto da etimoloxía do topónimo. Procede dun orixinario Ponte de Don Afonso que deu como resultado final Ponte Nafonso, pasando por diferentes estadios intermedios (Ponte Don Afonso e Ponte (do)n Afonso). Porén, durante moito tempo circularon diferentes hipóteses sobre quen era ese Don Afonso tan importante como para darlle nome a tal magna obra. 

Unha destas teorías remonta a súa orixe aos séculos VIII e IX e atribúe a súa construción ao rei Afonso II o Casto, un dos principais impulsores das rutas xacobeas a Santiago de Compostela. Mais Gonzalo Navaza descartou esta hipótese e resolveu a dúbida. 

No artigo “Notas de toponimia xacobea galega” que aparece publicado na obra Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago, o académico relata que por volta de 1220 estábase a construír esta ponte, coñecida naquel momento como Ponte de Pías. En diferentes doazóns e mandas testamentarias recollidas na colección documental do mosteiro de Toxos Outos, reflíctese que “é obra de Afonso oitavo chamado noveno, don Afonso por antonomasia”. 

Nese topónimo, pois, “hónrase a memoria do rei medieval que máis pegada deixou na toponimia galega”. Descubre esta e outra onomástica afonsina no artigo de Gonzalo Navaza na obra Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago.

Ponte Nafonso

 

 
Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…