Rábade ten dúas características que o fan salientar na nosa xeografía. A primeira é o seu tamaño: cos seus pouco máis de 5 km2, é o segundo municipio máis pequeno do país, un posto que ocupa con moita honra Mondariz-Balneario. A segunda, o seu nome: Rábade sería un hápax, isto é, un elemento único en todo o noso nomenclátor, se non fose por que na parroquia vivairense de Covas existe unha Fonte de Rábade.
Sexa como for, o nome Rábade é tamén curioso pola súa orixe: provén do étimo hispano-árabe rabaḍ co significado de ‘barrio, suburbio’, unha palabra da que tamén derivan o actual arrabalde do galego común e os topónimos, como máis suceso que Rábade, Arrabalde ou Arrabaldo.
As aparicións documentais deste topónimo son bastante abondosas xa desde época temperá, o que nos leva a pensar que o étimo do que procede Rábade ou Arrabaldo forma parte do inventario léxico galego desde moi cedo. Estes documentos son, ademais, a chave para comprendermos a orixe do topónimo: segundo Paulo Martínez Lema, autor da obra Toponimia de Begonte e Rábade, podemos desprender destes textos que “Rábade foi en orixe a denominación dun pequeno territorio ou alfoz (de aí seguramente a súa denominación) a abranguer tamén freguesías hoxe pertencentes aos concellos de Begonte, Cospeito e Outeiro de Rei. De feito, a actual parroquia de Santa Mariña, en Outeiro de Rei, aparece de xeito recorrente na documentación como Santa Mariña de Rábade”.
Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…
A gran base de datos da toponimia tradicional galega, Galicia Nomeada, suma…