O Pereiro de Aguiar recibiu con gozo a campaña Toponimízate

A campaña de promoción do valor cultural dos nosos nomes da terra e da súa recuperación a través das novas tecnoloxías, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, chegou o pasado venres 11 de setembro ao Centro para a atención de persoas maiores dos Gozos, no concello do Pereiro de Aguiar, situado moi preto do encoro que abastece de auga a cidade de Ourense, o encoro de Cachamuíña.

Neste concello xa se levan recollidos preto de 1.000 microtopónimos desde a posta en marcha do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, principalmente nas parroquias de Covas, Triós, Vilariño, San Xoán de Moreiras e Calvelle, pero aínda faltan moitos por recoller nestas e nas restantes parroquias. Cómpre destacar o labor feito ata agora polo profesor de galego xubilado Xosé María Carballeira, quen engadiu na plataforma a maior parte destes nomes de terras, fontes, regueiros...

Co obxectivo de concienciar a veciñanza e a corporación municipal da importancia da súa implicación na recolleita e salvagarda dos nomes de terras deste concello antes de que se perdan, acudiu a este lugar o coordinador do proxecto Galicia Nomeada, Vicente Feijoo Ares. Aquí foi recibido con moita ilusión polo académico e profesor da Universidade de Vigo, Xosé María Gómez Clemente, oriúndo da parroquia de San Xoán de Moreiras, e por Marta González Areas, do persoal da Área de Cultura do Concello, que escusou a ausencia da técnica de Cultura, Pilar Conde, por un problema inesperado.

O acto foi presentado polo concelleiro de Cultura, ocio e tempo de lecer, Casiano Ángel Feijoo García, que tamén falou en nome do alcalde e presidente da Deputación, Luís Menor, e manifestou o apoio do Concello a unha iniciativa tan importante para a cultura de Galicia e para a historia local do Pereiro de Aguiar como esta de salvagardar os nomes de cada recuncho do seu territorio. Na sala estaban presentes outros membros da corporación municipal como María Gajardo Placer, concelleira de Emprego, Desenvolvemento e Participación cidadá, ademais de ser a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais deste concello; Manuel Doval Soto, concelleiro da área de Mobilidade, Vivenda e Solo, Educación e Turismo; e Rubén García Fernández, portavoz municipal do BNG.

O encargado de presentar o relator foi o profesor Xosé María Gómez Clemente, a quen agradecemos as súas fermosas palabras sobre o valor do intenso traballo que se está facendo desde o Seminario de Onomástica da RAG por recoller, estudar e difundir os nomes da nosa terra, unha parte fundamental do noso patrimonio cultural inmaterial. Tamén asistiron á charla moitos membros da Asociación veciñal de San Xoán de Moreiras, da que o académico é secretario, e da Asociación veciñal da parroquia de Tibiás.

Durante a charla, tras comezar cunha breve introdución sobre a riqueza toponímica de Galicia, a importancia do valor cultural dos nosos topónimos e a urxencia de recollelos antes de que se perdan pola transformación dos modos de vida tradicionais no noso país, Vicente Feijoo explicoulles ás persoas asistentes de xeito pormenorizado o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que calquera persoa pode subir á plataforma colaborativa os nomes das terras da súa aldea ou parroquia, tanto desde a súa versión de escritorio para ordenadores como desde a app para dispositivos móbiles.

Na parte final da charla, falouse da orixe e significado dos topónimos maiores deste concello, comezando polo topónimo municipal, O Pereiro de Aguiar, un nome composto por un primeiro elemento Pereiro, que pode facer referencia á existencia da árbore que dá peras ou peros (se vén do latín PIRARIUM) ou á abundancia de pedras neste lugar (se vén do latín PETRARIUM). O segundo elemento do nome deste concello, Aguiar, é un zootopónimo, procedente do latín AQUILARE, que fai referencia á presenza destas aves de rapina no lugar. Neste caso concreto, Aguiar considérase un corónimo (nome dun amplo territorio) porque conserva a denominación da histórica Terra de Aguiar, mencionada por primeira vez como Terram de Aquilare e Territorium Aquilare en documentos do século XII da colección diplomática do Mosteiro de Rocas, e que coincidía tamén co arciprestado de Aguiar.

Entre os moitos nomes de entidades de poboación que se comentaron pola súa curiosidade ou opacidade, como por exemplo Ordelles, Loñoá, Castadón, Xubande, Malobrigo…, deixámosvos neste artigo a orixe dun topónimo deste concello que pode ter varios significados, O Pelouriño (na parroquia de Tibiás).

Para rematar, explicáronse os cambios nos nomes oficiais dos topónimos do Pereiro de Aguiar tras a publicación do novo Nomenclátor de Galicia (NG 2026) hai un meses: entre eles, *Lagocios pasou a Lagozos, na parroquia de Sabadelle, ou *Cerradao, ao que se lle engadiu o artigo que utiliza a xente na oralidade, O Cerradao, na parroquia de Vilariño. Nesta conversa tan produtiva coa veciñanza, tamén nos informaron de que a xente pronuncia Lamela, sen artigo, cando fala da parroquia que no NG 2026 aparece co nome oficial A Lamela, con artigo, e dos lugares habitados que aínda non están incluídos no novo Nomenclátor, como por exemplo Loñoá Grande e A Tapada de Bouzas, na parroquia de Covas, e A Martiñá ou Barreda, na parroquia de Melias, entre outros moitos.

Agardamos que as persoas asistentes á charla divulguen entre a veciñanza, sobre todo entre a xente máis nova, a importancia e urxencia de facer este traballo de recolleita dos nomes da súa terra traballando conxuntamente coas persoas maiores do concello. Agradecemos o interese e colaboración amosado polos membros da corporación municipal e o persoal do Concello presente na charla, así como o das asociacións veciñais que xa se están organizando para comezar a introducir os nomes da súa terra en Galicia Nomeada.

O Bolo, seguinte parada de Toponimízate en terras ourensás neste mes de setembro

A seguinte charla sobre a toponimia galega será o día 25 de setembro tamén na provincia de Ourense, concretamente na Antiga Casa Cuartel do Concello do Bolo, a partir das 19:00 h da tarde. Non faltedes e xa veredes como vos sorprendemos coa interesante información que agochan os nomes das nosas aldeas e parroquias.

Galería de imaxes
Tipos