A rapazada de Meaño toponimizouse

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra achegouse este venres de forma telemática a Meaño. O alumnado do IES de Meaño, do CEIP Coirón-Dena e do CEIP As Covas, así como as persoas que se achegaron á Casa da Cultura de Dena, coñeceron a importancia da nosa toponimia como patrimonio inmaterial dos galegos sen saíren dos seus centros de ensino ou das súas casas grazas á canle de Youtube da Real Academia Galega. A actividade, que comezou ás 11:00 horas, puido seguirse tamén a través desta páxina na que tamén podes ver o vídeo íntegro do relatorio.

O evento procurou entre a rapazada de Meaño e o seu profesorado novos e novas colaboradores para a aplicación Galicia Nomeada, a plataforma coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, está a salvagardar a toponimia e a microtoponimia tradicional galega. O risco de desaparición dos nosos nomes de lugar é, se couber, máis grande en concellos como o de Meaño, onde non se levou a cabo os traballos de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia. De aí a importancia de rexistrar a toponimia e a microtoponimia meañesa e de implicar a rapazada nesta tarefa.

Ademais do funcionamento da plataforma, os asistentes coñeceron o significado dos seus nomes de lugar, ou, cando menos, as principais hipóteses sobre a súa orixe. Este é o caso do nome propio do concello, Meaño, aínda hoxe escuro para nós. Foi explicado como un topónimo prerromano posiblemente relacionado coas augas e tamén a través dunha forma celta paralela do latín MEDIANUM, que podería definir Meaño como un lugar situado no medio de dúas rías. Outros nomes de Meaño dos que descoñecemos a orixe son Dena, talvez prerromano, e Lores, posiblemente relacionado co río Lor.

Precisamente nestas dúas parroquias, en Dena e en Lor, atopamos dous nomes que pola súa proximidade fonética e espacial poden estar relacionados. Trátanse de Vilarreis e Nantes de Reis, cuxo segundo elemento, Reis remítenos a dous lugares de reguengo, isto é, de pertenza real. Se en Vilarreis podemos albiscar un antigo Vila de Reis, canto a Nantes relacionámolo cunha raíz celta NANT- co significado de “val” que tamén deu orixe á localidade francesa de Nantes.

Este luns, unha nova charla telemática no Barco de Valdeorras

A campaña Toponimízate non descansa: este mesmo luns, O Barco de Valdeorras será o destino da última das charlas telemáticas desta temporada. A cita será a partir das 15:40 e a ela asistirá o alumnado dos centros de ensino do IES Lauro Olmo, do IES Martaguisela, no Colexio Plurilingüe Divina Pastora e tamén as persoas que se acheguen á Casa da Cultura Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Como a de Meaño, poderá seguirse a través da canle de Youtube da Real Academia Galega e desta páxina.

 

Galería de imaxes
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Toponimízate Meaño
  • Casa da Cultura Dena
Tipos