Abadín relanza a campaña Toponimízate tras o descanso estival

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volve pórse en marcha. A campaña coa que a Real Academia Galega pon o foco de atención na nosa toponimia menor (nomes de terras, fontes, regueiros, penedos...) e na súa salvagarda a través da plataforma Galicia Nomeada retorna a próxima semana para seguir o seu periplo polo noso país tras o descanso estival. A cita será o venres 30 de agosto na Casa do Concello de Abadín a partir das 20:00 horas. A ela están chamadas todas as persoas amantes dos nosos nomes de lugar e que queiran achegar o seu gran de area na conservación dun dos maiores tesouros colectivos do pobo galego.

O encargado de impartir o relatorio será Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que centrará a súa intervención en explicar o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada e as súas principais características: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, arquivos de son ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor... Farao coa intención de sumar novos colaboradores e colaboradoras aos traballos de recolla toponímica que xa iniciaron algúns abadinenses que se deron de alta na plataforma colaborativa Galicia Nomeada. Estes, xa levan introducido arredor duns 250 topónimos. Pero Abadín ten un territorio moi amplo, 196 km², distribuídos en 19 parroquias que contan como máis de 300 aldeas. Por tanto, aínda quedan moitos miles de microtopónimos por recoller e todos eles corren un alto risco de desaparecer.

Ademais das cuestións técnicas, tamén se falará polo miúdo da orixe e significado dos nomes das parroquias do concello e dalgunhas das aldeas polas que a xente queira preguntar. Moitas delas con nomes tan singulares e de orixe incerta como A Maramiga, Billetes, Choi, Vacaferreira... únicos en todo o Nomenclátor de entidades de poboación de Galicia. A Choqueira é outro topónimo tamén único no país e que talvez teña que ver co significado que no galego común ten o adxectivo homónimo '[Terreo] en que nace auga e que se move ao pisalo', aínda que para Nicandro Ares tamén puido ser un 'viveiro de plantas'. Esta parte do relatorio conta coas achegas etimolóxicas do académico da RAG e un dos maiores expertos en toponimia do país, Gonzalo Navaza.

Oito novas citas coa nosa recuperación toponímica ata final de ano

Abadín será a primeira das oito citas que ata a final de ano espallarán por todo o país a importancia de recuperar a nosa toponimia menor. Ademais do concello chairego, a campaña da RAG visitará Antas de Ulla (venres 6 de setembro ás 19:30 h na Antiga Casa Cuartel); Salceda de Caselas (venres 13 de setembro ás 20:00 h na Casa da Cultura Castelao); Láncara (venres, 20 de setembro ás 12:00 h no CPI Ramón Piñeiro); Barro (venres 27 de setembro ás 20:00 h no salón de plenos da Casa do Concello); A Arnoia (mércores 16 de outubro ás 12:00 h no salón da Cooperativa do Pemento); A Illa de Arousa (venres 18 de outubro ás 11:00 h no salón de plenos da Casa do Concello); e finalmente Boiro (venres 8 de novembro ás 20:00 h no Centro Social de Boiro).

Galería de imaxes
Tipos