A Arnoia vive un emotivo encontro interxeracional grazas a Toponimízate

Tres xeracións arnoiás uníronse cun obxectivo común: recuperaren a súa microtoponimia, isto é, os nomes das súas terras e dos seus montes. Este mércores 16 de outubro, a rapazada do CEIP San Salvador da Arnoia desprazouse acompañada do seu profesorado ao salón de actos da Cooperativa do Pemento onde os agardaban quen máis sabe de toponimia da súa terra, as persoas usuarias do Centro de Maiores da Arnoia. Foi moi emocionante ver como algún que outro alumno abrazaba ás súas avoas ou bisavoas.

O obxectivo deste encontro interxeracional foi conseguir que a rapazada aproveitase a sabedoría dos seus maiores para comezar a rexistrar os nomes de viñas, fontes, regueiros, penedos, camiños...  que forman parte da súa paisaxe vital. E para iso, nada mellor que unha ferramenta dixital con tanto potencial como Galicia Nomeada, que xa forma parte dos proxectos educativos de ducias de centros de ensino de todo o país. 

Rodrigo Aparicio Santamaría, alcalde do concello da Arnoia, non quixo perder a cita. Amosouse moi interesado no proxecto Galicia Nomeada e expresou a intención do seu equipo de goberno de publicitar a plataforma entre as parroquias do seu concello para conseguir a implicación da cidadanía. Bárbara Carballeira, técnica de Desenvolvemento Local da Mancomunidade do Ribeiro, expresou a vontade de empregar os recursos que están na súa man para conseguir esta implicación. 

Ambos os dous foron os encargados de presentar a Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, que expresou a súa  emoción por ter este encontro interxeracional en que todos participan nun mesmo proxecto cultural para salvagardar esta parte tan importante do patrimonio inmaterial e da historia deste concello ourensán. 

A charla estivo centrada, por tanto, en unir os esforzos dos máis novos, dos seus pais, avós e veciños arredor da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, a ferramenta con que xa se conseguiron salvagardar máis de 84.000 nomes de lugar desde a súa posta en funcionamento. Vicente Feijoo detívose e explicarlles, principalmente aos máis novos, as funcionalidades da aplicación: como engadir un novo topónimo, como subir un arquivo de son onde algún maior pronuncia o topónimo ou conta algunha lenda relacionada con el, somo subir unha imaxe dun elemento de interese cultural... Serán os rapaces quen usen a aplicación para engadir os nomes que lles ensinen os maiores. Todos eles tomaron boa nota do encargo e agardamos poder ver moi pronto os resultados no visor de topónimos de Galicia Nomeada.

Para rematar co evento, que se prolongou durante dúas horas, maiores e novos coñeceron a etimoloxía dos nomes de todas as aldeas situadas no termo municipal deste concello. Esta parte resultou moi produtiva para a revisión do Nomenclátor oficial de entidades de poboación que se está facendo desde o Seminario de Onomástica da RAG, pois os asistentes manifestaron as discordancias de pronuncia entre algúns dos nomes que usan eles e as formas oficializadas: din A Laixa en vez do nome oficial A Laxa; O Bacelo, con artigo, en vez de Bacelo; O Pumar en vez do oficial O Pomar; e Carnóns en vez de Carnós.

Entre as distintas etimoloxías explicadas por Vicente Feijoo, chamaron especialmente a atención as daqueles topónimos menos transparentes coma o propio nome do concello e do río, Arnoia, así como Sendín, Carnóns, A Paixón ou A Reza. Este último nada que ver co que aparenta, tal como explicamos neste artigo.

A Illa de Arousa, penúltima cita Toponimízate deste ano

Este mesmo venres, A Illa de Arousa acollerá a penúltima cita da campaña Toponimízate 2024. O evento terá lugar o venres 18 de outubro no Salón de Plenos do concello a partir das 11:00 horas e a el tamén están convidadas todas as persoas interesadas na nosa toponimia tradicional.

Galería de imaxes
Tipos