Sandiás, punto de arranque da campaña Toponimízate 2025
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volve estar en marcha un ano máis. O pasado venres 20 de xuño, Sandiás foi o punto de encontro para todas aquelas persoas da contorna da Limia interesadas na nosa toponimia tradicional e na súa salvagarda.
A elección deste municipio ourensán para arrancar a campaña 2025 non foi casual: a Real Academia Galega correspondeu deste xeito o grande interese que amosou o concello de Sandiás en poder levar a campaña Toponimízate ás terras limiás. O concelleiro de cultura, José Pérez Gándara, quen contactou coa RAG a comezos deste ano para se interesar pola iniciativa, foi tamén o encargado de presentarlle á súa veciñanza a Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG. Estaba previsto que no acto interviñese o alcalde deste municipio, Felipe Traveso García, pero unha urxencia de última hora impediu que estivese presente.
Vicente Feijoo comezou a charla agradecendo a implicación do consistorio e convidando as persoas asistentes a seguiren o seu entusiasmo pola toponimia tradicional nun concello como o de Sandiás tan necesitado de recoller os seus nomes de lugar, a pesar da colaboración no proxecto Galicia Nomeada de veciños como Xavier Feixoo ou dalgúns alumnos e alumnas do IES Lagoa de Antela de Xinzo. Desde a posta en marcha de Galicia Nomeada en 2019, rexistráronse soamente 150 achegas públicas en todo o seu territorio deste concello. Por iso, Vicente, alentou a todas as persoas asistentes a unírense a este proxecto colaborativo para recuperar os nomes de leiras, fontes, camiños, regos, montes... de Sandiás antes de que caian no esquecemento. Deste xeito, a plataforma Galicia Nomeada centrou boa parte da relatorio para explicar as súas principais funcionalidades: subir novos topónimos, informar sobre erros e outras suxestións, engadir imaxes, descricións ou arquivos de son..
Tras as explicacións técnicas, Vicente Feijoo explicoulles ás persoas asistentes a orixe dos nomes de parroquias e aldeas do concello de Sandiás, que a pesar de seren poucos (3 parroquias e 17 lugares), ten nomes únicos en toda a xeografía galega como Zadagós ou Coalloso. As persoas asistentes sorprendéronse moito ao descubriren a etimoloxía desde último. Malia que Coalloso un derivado de coallo / callo, que viría do latín COAGULUM ‘masa callada’, unha atestación escrita deste topónimo nun documento do ano 1093 do mosteiro de Celanova desvela a súa verdadeira orixe, pois aparece mencionado como CONELLOSO. Por tanto, este topónimo fai referencia a un lugar onde abundaban os coellos. O público asistente, entre risadas, confirmou que no monte situado a carón desta aldea aínda hoxe se ven moitos destes animais. Outro topónimo tratado nesta charla cunha orixe non tan evidente, pero cuxa hipótese foi corroborada pola veciñanza asistente, foi A Lavandeira. Neste artigo poderás ver as súas posibles interpretacións.
Baños de Molgas, seguinte charla Toponimízate no mes de xuño
Baños de Molgas collerá a remuda da campaña na vindeira semana: a cita será o venres 27 de xuño no baixo do Centro de Saúde a partir das 19:30 horas.