Sandiás abre esta semana a campaña Toponimízate 2025

O concello ourensán de Sandiás será o encargado de erguer o pano da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra que, unha vez máis, volve percorrer o país na procura de persoas, institucións e asociacións que se sumen aos milleiros de colaboradores que xa están a conservar o gran tesouro toponímico galego a través da plataforma Galicia Nomeada. 

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convidan a todos os amantes da nosa toponimia e do patrimonio inmaterial da comarca da Limia a que se acheguen este mesmo venres 20 de xuño ao Centro de Interpretación da Lagoa de Antela a partir das 20.00 horas. Alí asistirán a unha charla que será presentada polo alcalde de Sandías, Felipe Traveso García, e mais o concelleiro de Cultura, José Pérez Gándara, e nela coñecerán todos os segredos que agochan os nomes das súas aldeas e parroquias. Ademais, serán convidados a participar no gran proxecto de recuperación da nosa toponimia tradicional.

Toponimízate chega a Sandiás despois do grande interese que amosou o propio concello en programar a actividade: o concelleiro de Cultura, José Pérez Gándara, contactou coa RAG a comezos de ano co fin de poder levar a campaña Toponimízate a terras limiás. Fíxoo ao comprobar dúas realidades: por un lado, Sandiás ten unha parte importante do seu territorio sen recoller xa que non foi obxecto de traballo cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011); por outro, este concello só recibiu desde 2019 pouco máis de 150 achegas públicas en todo o seu territorio, moitas delas procedentes do IES Lagoa de Antela, centro de ensino de Xinzo de Limia que leva colaborando con Galicia Nomeada desde hai 3 anos.

Deste xeito, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, centrará boa parte do relatorio en explicar as principais funcionalidades da plataforma Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores coma a versión para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría, a descrición, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor etc.

Ademais desta parte práctica, as persoas que asistan á charla coñecerán a orixe e significado do nome do seu concello, das 3 parroquias e dos 17 lugares que o conforman. Trátase dun dos municipios do país con menos entidades de poboación. Porén, algúns dos seus nomes son únicos en toda Galicia, como Coalloso ou Zadagós, topónimos os dous escuros sobre os que Vicente Feijoo tentará deitar algo de luz na súa palestra.

Baños de Molgas, seguinte parada neste mes

A campaña Toponimízate continuará na provincia de Ourense a vindeira semana: o próximo venres visitará o concello de Baños de Molgas. A cita será o venres 27 de xuño no baixo do Centro de Saúde a partir das 19:30 horas.
 

Tipos