A campaña Toponimízate chegou a Pazos de Borbén

O auditorio do concello de Pazos de Borbén acolleu a última parada da campaña Toponimízate 2019. Coñece os nomes da túa terra antes do Nadal e antes da presentación da aplicación Galicia Nomeada, que terá lugar o vindeiro 20 de decembro.

Vicente Feijoo foi presentado polo técnico de Cultura, José Manuel Soto, quen levaba moito tempo interesado en ofrecer esta actividade á veciñanza deste concello, que conta no seu termo municipal cun importante número de restos arqueolóxicos, petróglifos e castros, engalanados por unha rica tradición oral que se perde. Á charla asistiron máis de 100 alumnos do CPI Curros Enríquez de Pazos, acompañados por unha ducia de profesores moi interesados en traballar nas aulas coa nova aplicación para a recolleita e difusión da microtoponimia paceira .

Á hora de falar do significado dos nomes de parroquias e lugares deste municipio, os asistentes estiveron especialmente atentos para descubrir que o nome deste concello, creado en 1836, está composto polos nomes de dúas parroquias Pazos (Santa María) e Borbén (Santa María).

Vicente explicoulles que Pazos é termo moi común na toponimia galega e que procede, a priori, do latín PALATIOS. Na Idade Media designaba en orixe casas principais ou de certa importancia (non tiñan que ser necesariamente palacios nin o que hoxe entendemos por un pazo). Tendo en conta que ás veces os topónimos Pazo ou Pazos se aplican a lugares non habitados, J.J. Moralejo propuxo a posibilidade que de que procedese dunha palabra prerromana que designaba ‘chozas de pastores’ ou ‘cortes para o gando’. Mais hai unha terceira hipótese, pois o nome dos poucos lugares non habitados chamados así tamén podería explicarse como apelido dos propietarios das terras.

No que respecta a Borbén, é considerado por Bascuas (2014) como un hidrónimo prerromano, que contén unha raíz *bher- 'brotar, ferver' e que designaría un lugar no que había abundantes mananciais. A tradición que o identifica como *Porbén parece ser unha tradición lendaria familiar, nacida xa na Idade Media e nos libros de liñaxes para referirse a xente portadora deste apelido (os Pazos de Porbén etc.) e vinculada ao lugar. Desta lenda dá conta o historiador Carlos Barros.

Galería de imaxes
Tipos