A campaña Toponimízate pecha o mes de setembro no concello de Barro

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra despide o mes de setembro no concello pontevedrés de Barro. Todas as persoas amantes da nosa cultura e do noso patrimonio inmaterial están citadas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Barro (Santo Antoniño 11, Perdecanai) este venres 27 a partir das 20:00 h. Alí, agárdaos unha interesante charla para descubrir os segredos que gardan os nomes que forman parte da súa xeografía vital e tamén aprenderán como salvagardar o legado dos nosos antepasados grazas ás novas tecnoloxías.

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, será o encargado de presentar a actividade e mais o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da RAG, que organiza esta campaña coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.

O principal obxectivo desta charla Toponimízate é involucrar a veciñanza deste concello pontevedrés para recoller antes de que se perda a microtoponimia das súas aldeas a través da plataforma colaborativa Galicia Nomea. Dela xa forman parte máis de 3.700 usuarios que, desde finais de 2019, recuperaron máis  82.000 topónimos. 

O concello de Barro figura entre os que menos nomes de terras ten recollidos, só 54. En parte, isto débese a que este concello non foi obxecto do traballo de campo do anterior Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) cando estivo activo entre os anos 2000 e 2011. Por tanto, convidamos todos os veciños e veciñas do concello e da súa comarca a que acudan á charla Toponimízate para sumárense á plataforma Galicia Nomeada co obxectivo de que non desapareza esta parte esencial do noso patrimonio cultural inmaterial.

Dun xeito lúdico e práctico, Vicente Feijoo dedicará gran parte da charla a explicar as principais funcionalidades da plataforma Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores como a versión para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría, a descrición, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa engadidos etc.

Como colofón, tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas, coas achegas etimolóxicas realizadas polo académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os diferentes nomes que se tratarán destacamos o da freguesía de Perdecanai, documentado nos textos da Idade Media como Pera de Canay e Parada Canay; un topónimo que posiblemente aglutina os nomes de dúas das aldeas desta parroquia, Parada e Canai. Se queredes saber o que significan, non perdades a charla deste venres no casa consistorial de Barro.
 

Tipos