Cerdedo Cotobade tamén se toponimizou

O coordinador do equipo de Toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, achegouse nesta ocasión ata a sala de usos múltiples do IES de Cotobade para falarlles ao alumnado, profesorado e veciñanza da importancia de salvagardar a microtoponimia tradicional deste territorio resultante da fusión de dous municipios, Cerdedo e Cotobade.

A charla, enmarcada dentro do programa Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra, foi presentada polo profesor Xoán Carlos Morgade Martínez, autor dun libro sobre a toponimia do concello da Lama, e polo concelleiro de cultura, Fernando Vázquez Corbacho. Un dos momentos de maior interese para os oíntes foi a explicación do funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, dispoñible a partir do 20 de decembro.

Precisamente, Cercedo Cotobade foi un dos concellos nos que se iniciou a fase de probas desta aplicación Galicia Nomeada, grazas ao traballo de Alberte Reboreda en diferentes freguesías. Este arqueólogo introduciu xa na plataforma case 300 microtopónimos deste municipio que estarán dispoñibles para consulta a partir do vindeiro día 20 de decembro no visor de topónimos de Galicia Nomeada. Estamos seguros, polo entusiasmo amosado, que a meirande parte das mozas e mozos asistentes van continuar con este labor iniciado por Alberte nas súas respectivas aldeas.

Na última parte da charla Toponimízate, Vicente Feijoo relatoulles de forma divulgativa aos asistentes o que significaban os nomes das aldeas e parroquias deste municipio. Aproveitou para desmentir que Cotobade sexa un composto relativo ao couto do abade de Tenorio, como tradicionalmente se viña dicindo. Tendo en conta as grafías coas que aparece na documentación medieval (Castro Cutubade, 1180; castellum Cutubadi, 1182; Cotobadi, 1188…) as hipóteses científicas son dúas: a de Nicandro Ares, que o considera un nome composto de COTO, palabra de orixe prerromana *COTTO co significado de ‘elevación, prominencia’, pero que tamén se aplica a un ‘outeiro de pedras’, mais o xenitivo dun nome persoal BATUS; e a segunda, a de Gonzalo Navaza, quen propón a posibilidade de que sexa un único nome persoal *CUTTUFATUS (variante de CUCUFATUS), a través da fórmula de xenitivo (VILLA) *CUTTUFATI.

Galería de imaxes
Tipos