Emotiva homenaxe en Marín a Elixio Rivas Quintas, autor dunha tese de doutoramento sobre a toponimia deste concello

O día 21 de xuño de 2021, o colexio SEI San Narciso mais o Concello de Marín celebraron un acto de homenaxe ao lexicógrafo e toponimista Elixio Rivas Quintas, autor dunha tese doutoral sobre a toponimia deste concello pontevedrés. O padre paúl foi profesor e secretario deste colexio durante 21 anos, período que aproveitou para investigar en profundidade non só a toponimia miúda do territorio marinense, senón a súa fala, o seu léxico e a súa tradición oral e folclórica.

A homenaxe comezou pola mañá no propio colexio San Narciso, coas intervencións do director do centro, Antonio Traba; do profesor e coordinador de Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, Héctor Silveiro; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; e da alcaldesa de Marín, María Ramallo. Elixio Rivas participou de forma virtual —pola súa avanzada idade (96 anos) e polo seu estado de saúde non lle foi posible asistir— a través dun vídeo no que agradeceu a implicación do colexio en darlle visibilidade e continuidade ao seu traballo sobre a toponimia de Marín, así como as palabras de recoñecemento e agarimo das autoridades públicas presentes.

Durante o acto, proxectouse un vídeo para dar a coñecer o traballo de toponimia feito polo alumnado e o profesorado do colexio durante o curso académico 2020-21, en colaboración co proxecto institucional Galicia Nomeada. O profesor coordinador do traballo, Héctor Silveiro, busca agora abrir esta iniciativa a toda a veciñanza,  a outros colexios e asociacións culturais do concello para superar o reto de “1.000 topónimos xeolocalizados para Marín”. Ata agora xa subiron á plataforma colaborativa uns 450 microtopónimos, a maioría baleirados do libro Toponimia de Marín do irmán don Elixio e outros inéditos.

O alumnado de segundo da ESO tamén subiu ao escenario para representar unha pequena obra de teatro coa historia de Marín como fío condutor a través da orixe e significado dalgúns dos seus topónimos. A obra é outra mostra de como este centro educativo integrou a toponimia como unha materia máis de aprendizaxe desde as aulas de infantil ata as de bacharelato.

Xa pola tarde, a celebración trasladouse ao Museo Municipal Manuel Torres, onde Vicente Feijoo Ares, técnico coordinador de Galicia Nomeada, impartiu unha charla sobre a importancia de salvagardar e difundir a toponimia a través da plataforma Galicia Nomeada, ademais de falar do significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Marín. Este relatorio foi presentado pola concelleira e responsable do museo, Itzíar Álvarez, acompañada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, mais o profesor e académico correspondente Héctor Silveiro.

A intervención estaba orientada a implicar a veciñanza e as asociacións culturais marinenses no traballo iniciado polo alumnado do colexio SEI San Narciso. Este relatorio enmárcase no programa Toponimízate 2021, que a RAG desenvolve co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Antes de comezar a falar de toponimia, Vicente Feijoo tamén lle dedicou unhas palabras ao seu benquerido e admirado Elixio Rivas, co que compartiu moitas horas en reunións da Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia. Salientou que “o padre Elixio é un dos máis grandes sabios da cultura popular do noso país, un divulgador de coñecemento altruísta, sempre con curiosidade, con paixón e moito esforzo; un traballador solitario, disciplinado e infatigable; un namorado da súa terra, camiñada e suada desde cativo (...) Esta é unha homenaxe a unha forma de ser e de sentir o noso, de divulgar os mellores valores que nos singularizan como pobo, uns valores que desgraciadamente se perden...".

Galería de imaxes
Tipos