Friol abre o pano da campaña Toponimízate 2023
O concello lucense de Friol é o encargado de abrir o pano de Topónimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística procuran difundir a importancia da nosa toponimia tradicional, ademais de sumaren novas persoas implicadas na súa conservación a través da plataforma Galicia Nomeada.
A cita será este mércores 11 de outubro no Centro Sociocultural de Friol (rúa da Deputación, 18) a partir das 12:30 horas, coas portas abertas a toda a cidadanía interesada e coa presenza, ademais, de toda a rapazada que cursa a ESO no CPI Doutor López Suárez coa intención de sumar os esforzos das diferentes xeracións friolesas na recuperación dos nomes das súas terras e montes.
A importancia desta charla reside en dous factores: desde o lanzamento de Galicia Nomeada hai case catro anos, Friol só recibiu 8 achegas públicas das máis de 65.000 que incluíron as persoas colaboradoras na plataforma para a conservación da toponimia tradicional galega. Este dato é preocupante se lle sumamos que este concello lucense tampouco foi obxecto da recollida levada a cabo nos anos que estivo activo o chamado Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011).
Por estes dous motivos faise máis que necesaria a presenza en Friol da campaña Toponimízate e de Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e encargado das accións formativas. Como nas edicións anteriores, a charla terá diferentes partes: unha introdutoria en que se divulgará a importancia da nosa toponimia e da súa riqueza; seguirase cunha parte técnica-formativa sobre o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada; e, por último, falarase dos nomes das 32 parroquias deste concello e dalgúns dos topónimos das súas aldeas e lugares. Por exemplo, A Cafúa, aldea da parroquia de Bra, un tesouro toponímico único en toda Galicia que pode ter orixe nunha pequena cabana no monte e que comparte forma e fonética cunha palabra de uso bastante común na xerga de Buenos Aires: en lunfardo, así chamada esta fala popular, cafúa é o sinónimo de ‘cárcere’.
Próximas charlas Toponimízate
A campaña Toponimízate regresa a próxima semana con outras dúas citas, unha tamén en Lugo e outra, en Pontevedra: o xoves 19 de outubro no IES de Becerreá a partir das 11:30 h; o venres 20 de outubro, no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces a partir das 19:30 h.