Friol súmase a Toponimízate
Ducias de rapazas e de rapaces dos catro cursos da ESO do CPI Doutor López Suárez de Friol recibiron formación para conservaren o seu patrimonio toponímico. Xunto á rapazada, a veciñanza e o profesorado compartiron tamén a actividade Toponimízate que tivo lugar o pasado 11 de outubro no Centro Sociocultural deste concello lucense. Todos eles tomaron boa nota de como empregar a plataforma Galicia Nomeada para salvagardar os nosos nomes tradicionais das súas leiras, fontes, penedos, regatos...
Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, abriu en Friol a campaña Toponimízate 2023, organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Fíxoo da man da concelleira de Cultura, María de los Ángeles Buján Burgo, transmitindo a importancia que teñen os nomes da terra para a cultura galega, xa que forman parte dun dos principais legados patrimoniais que lles poden deixar os maiores de Friol, algúns deles presentes, ás xeracións futuras. Neste concello friolés, que conta cunha superficie de case 300 km cadrados, faise cada vez máis urxente este labor de salvagarda dos seus microtopónimos, pois nel non se traballou na época que estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) e apenas hai colaboradores rexistrados na plataforma Galicia Nomeada.
Deste xeito, boa parte do obradoiro de Vicente Feijoo estivo centrado en como empregar a plataforma Galicia Nomeada para este fin e tamén en convidar o CPI Doutor López Suárez a se sumaren ao máis de medio cento de centros de ensino do país que xa participan na recuperación da toponimia menor das súas localidades e parroquias. O director do centro e mais o grupo de profesores que asistiron á charla, mostraron os seu interese en participar nun proxecto tan ilusionante e didáctico.
Como xa vén sendo habitual, unha das partes da charla que máis interese suscitou foi aquela na que Vicente Feijoo lles falou aos presentes do significado do nome do concellos e das súas 32 parroquias. Houbo espazo tamén para que os rapaces e rapaces preguntasen polos nomes das súas aldeas e lugares, un das seccións máis participativas das charlas Toponimízate. Chamou a atención a cantidade de fitotopónimos que podemos atopar neste concello, algúns transparentes e moi común en Galicia, como Abelaira, Abeledo, A Carballa, Carballo, Carballal, A Carballeira, Carballoso, Figueiroa, A Filgueira, A Folgosa ou A Folgueira, e outros máis singulares, como As Carpaceiras.
Esta semana, Toponimízate visitará Becerreá a Vila de Cruces
A campaña Toponimízate regresa esta semana con outras dúas citas: a primeira será este xoves 19 de outubro no IES de Becerreá a partir das 11:30 h; para o venres 20 de outubro, queda a segunda, que será no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces a partir das 19:30 h.