Galicia defende o topónimo Ría de Ribadeo

Por incomprensible que pareza, o Principado de Asturias volve, unha vez máis, a reivindicar que o nome oficial da ría de Ribadeo sexa Ría del Eo. O goberno asturiano dirixiuse a comezos deste ano á Comisión Especializada en Nombres Geográficos (CENG), pertencente ao Consejo Superior Geográfico (CSG) —órgano competente para o establecemento dos topónimos do Nomenclátor geográfico de España— para reclamarlle que revise a resolución tomada o 13 de marzo de 2008, onde literalmente dicía que “…la CENG acordó por mayoría que el único nombre oficial reconocido sea el de Ría de Ribadeo”.

Xa daquela (ano 2006), a CENG se dirixira á Comisión de Toponimia de Xunta de Galicia para solicitarlle un informe que avalase cientificamente o topónimo Ría de Ribadeo. Os argumentos expostos naquel documento polo grupo galego de expertos en toponimia foron os seguintes:

1. A documentación histórica e cartográfica consultadas avalan Ría de Ribadeo como o único topónimo para a denominación deste accidente xeográfico desde, cando menos, mediados do século XVI.

2. Só en época recente, a denominación Ría del Eo / Ría do Eo adquire certa relevancia.

3. Este tipo de accidentes accidentes xeográficos adoptan, case de forma constante, unha denominación vinculada a algunha das poboacións máis próximas e non a do río ou ríos de referencia (ría de Vigo, ría de Betanzos, ría de Camariñas, ría de Ribadesella, ría de Avilés, ría de Pravia…), pois non poucas veces son varios os ríos que desembocan nunha mesma ría. Na de Ribadeo, ademais do río Eo, verten os ríos Suarón, Monxardín e Grande.

Nese mesmo documento, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia propoñía que a denominación Ría de Ribadeo fose a única oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e solicitáballe ao Goberno da Xunta que instase a todos os estamentos competentes estatais e internacionais ao mantemento exclusivo deste topónimo.

Despois de 12 anos que o Ministerio de Fomento puxera punto e final a esta polémica, o Principado de Asturias pretende reabrir un debate carente de sentido no que a Xunta de Galicia e as principais institucións galegas que teñen competencias en materia de lingua, toponimia, xeografía e historia defenderán unanimemente a denominación Ría de Ribadeo.

O Instituto Xeográfico Nacional acaba de solicitarlle á Xunta de Galicia e ao Concello de Ribadeo que fagan as alegacións pertinentes para defender o topónimo galego ante a argumentación presentada polas autoridades asturianas. Neste momento, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela están redactando os correspondentes informes encargados pola Consellería de Vicepresidencia e tamén solicitados polo Concello de Ribadeo, pola Plataforma para a defensa da Ría de Ribadeo, pola Deputación de Lugo e polo Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Tipos