Galicia Nomeada, protagonista do Maio das Letras no IES Salvaterra de Miño

O pasado mércores 15 de maio, Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica, foi convidado a participar no Maio das Letras e da Música do IES Salvaterra de Miño. Trátase dunha iniciativa dinamizadora que durante todo o mes e, especialmente na semana do 17 de maio, enche o centro de actividades co fío condutor da nosa lingua e a nosa literatura: presentacións nas aulas realizadas polo propio alumnado aos seus compañeiros sobre a autora homenaxeada no Día das Letras, Luísa Villalta, concertos e actuacións teatrais dos grupos escolares, presentacións de libros... E entre todas estas interesantes actividades, o propio centro de ensino quixo que a plataforma Galicia Nomeada tivese o seu espazo.

A charla, na que participou un cento de rapazas e rapaces de 4 da ESO do IES de Salvaterra, foi iniciativa de Saleta de los Arcos Fernández, profesora de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais do centro. Como non podía ser doutro xeito, Vicente Feijoo non puido rexeitar o convite a esta importante acción dinamizadora e acudiu á chamada encantado de ofrecerlles un obradoiro sobre a nosa toponimia e a importancia que xogan os centros de ensino e a rapazada na súa recuperación. O obradoiro foi presentado polo director  do centro Manuel Rosende Torres e tamén estiveron presentes outros profesores como Eva García Rei, profesora de Lingua e literatura galegas, quen sumará forzas para que o alumnado deste centro participe activamente na salvagarda dos nomes destas terras miñotas.

Como noutras ocasións, o relatorio comezou cunha introdución sobre a importancia da toponimia galega como patrimonio cultural inmaterial e o risco que corre de desaparecer. Mais, por fortuna, aínda estamos a tempo de recuperala, sobre todo se os centros de ensino se implican na súa conservación e na súa difusión a través de internet. A seguir, a parte máis práctica do obradoiro serviu para presentar as funcionalidades da aplicación Galicia Nomeada e o inmenso labor que están a realizar outros centros de ensino por toda a xeografía galega traballando e aprendendo coa súa toponimia local, ademais de centos de persoas anónimas.

Por último, a rapazada do centro puido coñecer a orixe dos nomes das parroquias en que viven. Moita impresión levaron ao saber que o seu concello, Salvaterra do Miño, podería chamarse Lazoiro se non interferise no século XIII Afonso IX para mudar este nome á súa denominación actual. A explicación etimolóxica das dúas denominacións, Lazoiro e Salvaterra, pódense consultar aquí

Desde o equipo de Galicia Nomeada queremos agradecer unha vez máis o convite realizado para participar no Maio das Letras e da Música do IES Salvaterra de Miño e agardamos que os resultados da nosa charla se traduzan nunha gran cantidade de microtopónimos achegados pola rapazada salvaterrense.

Galería de imaxes
Tipos