Hábitat e Ardóbriga difunden o valor natural e toponímico do río Eume
O pasado martes 22 de outubro de 2024, o Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Cultural para a Protección do Patrimonio Ardóbriga uniron os seus amplos coñecementos para divulgaren, na Casa da Cultura de Pontedeume, o valor natural do río Eume e o seu amplo patrimonio cultural.
Baixo o título de “O río Eume: patrimonio natural e patrimonio cultural”, a charla encadrouse dentro do proxecto “Vixías dos nosos ríos”, unha iniciativa do Grupo Naturalista Hábitat que está levando pola provincia da Coruña co fin de avaliar a situación dos ríos máis importantes desta provincia. A través deste proxecto organízanse actividades en colaboración con entidades locais nas que se achega ao público a importancia destes espazos desde diferentes perspectivas. Así xurdiu a colaboración coa Asociación Ardóbriga, que acudiu como convidada para falar do río Eume e da súa toponimia.
Ramón Infante e Antón Prego, membros da Asociación Cultural Ardóbriga, quixeron salientar a importancia da microtoponimia do Eume e de toda a información histórica que nos achegan estes nomes para comprender a relación dos nosos antepasados co río. Na súa exposición, empregaron o visor de topónimos de Galicia Nomeada, xa que todo este acervo cultural está dispoñible para toda a cidadanía grazas ao traballo desinteresado da asociación Ardóbriga, unha das principais asociacións colaboradoras do proxecto desde o seu inicio.
Para rematar, as persoas asistentes puideron ver o capítulo da serie “Os nomes da nosa terra. As Fragas do Eume”, que visibiliza o gran traballo de recolla toponímica que levou a cabo a Asociación Ardóbriga.
Desde o equipo técnico de Galicia Nomeada queremos agradecer este importante labor de divulgación do proxecto realizado polos citados membros da Asociación Cultural Ardóbriga e felicitar tamén ao Grupo Hábitat por este tipo de iniciativas para dar a coñecer a riqueza natural e cultural dos nosos ríos.