IES Maximino Romero ponlle o ramo á campaña Toponimízate 2022

A rapazada do IES Maximino Romero de Lema, en Baio (Zas) terá a honra de pórlle o ramo á campaña Toponimízate neste 2022. A charla que impartirá Vicente Feijoo este luns 28 de novembro será a última deste ano do programa da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Chegouse este ano a 17 concellos do país e ás charlas asistiron centos de persoas unidas por unha arela común: a recuperación da nosa toponimia tradicional. Ademais, este relatorio, que se desenvolverá a partir das 16:30 h na sala de usos múltiples do centro,  contará cun convidado de excepción, Xosé María Lema, membro do Seminario de Onomástica, investigador e grande coñecedor deste concello da Terra de Soneira.

O feito de a campaña rematar neste concello non é casual: a asociación A Fonte de Fornelos, de Baio, leva colaborando con Galicia Nomeada desde o seu lanzamento para que os nomes de leiras, montes, ríos e camiños “perduren como parte indispensable do noso patrimonio e as xeracións vindeiras sexan coñecedoras e transmisoras deles”, como salientou Rocío Romar, coordinadora do labor feito pola asociación de veciños, nunha nova recente. Grazas ao seu labor, a parroquia de Baio conta con case 100 microtopónimos recollidos. 

A charla Toponimízate, que será presentada polo alcalde do concello, Manuel Muíño, terá como finalidade seguir o exemplo da asociación A Fonte de Fornelos e estender á totalidade do Concello de Zas o mesmo traballo de recolla dos seus nomes tradicionais. Nesta tarefa terá moito que ver o alumnado e o profesorado do centro, seguindo o ronsel doutras iniciativas semellantes nas que están a traballar noutros colexios e institutos. Desta forma, o evento terá unha parte moi importante dedicada á funcionalidade da plataforma Galicia Nomeada e como tirarlle o máximo proveito nos labores de recolla toponímica, así como a súa aplicación nas aulas.

Por último, a orixe e significado dos nomes de Zas serán tamén un dos focos de atención. Este espazo da charla contará co inestimable apoio de Xose María Lema, quen está a preparar un traballo sobre a súa toponimia e que se publicará proximamente na colección Terra Nomeada da Real Academia Galega. Ademais de se reproducir os vídeos que o propio Lema gravou sobre os lugares do Allo e da Cebola para a serie “O Seminario de Onomástica responde”, dispoñibles nesta páxina, falarase dos lugares que forman a propia parroquia de Baio, como O Campo do Rollo, lugar onde na antigüidade se expuñan os reos ou as cabezas dos axustizados á vergonza pública para que servisen de escarmento, ou do propio nome da parroquia, Baio, de orixe controvertida, pois pode proceder do antropónimo latino *BADIUS, que sería o hipotético posuidor destas terras; ou do adxectivo latino BĂDĬUS ‘marrón, da cor da castaña’, en referencia ao territorio en que se asenta a freguesía.

Tipos