Laxe relanza a campaña Toponimízate tras o verán

Logo do descanso estival, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volve percorrer o país de norte a sur e de oeste a leste na procura de colaboradores para salvagardar os nomes da nosa terra e do noso mar. O vindeiro venres 12 de setembro, a campaña chegará ao concello coruñés de Laxe, unha das 9 charlas que se impartirán ata finais deste ano. A cita será a partir das 19:00 horas no Museo do Mar e a ela están convocadas todas as persoas interesadas na toponimia local e que queiran sumarse a este gran proxecto colectivo de conservación dos nomes do territorio en que viven a través da plataforma Galicia Nomeada.

A iniciativa da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua acode a este concello coruñés tras ver o interese que amosaron tanto o alcalde, Francisco Charlín, como a concelleira de Cultura, Raquel Lema Allo, despois de contactaren coa RAG para organizar unha charla Toponimízate en Laxe. Eles serán os encargados de presentar o evento e tamén ao relator Vicente Feijoo Ares, coordinador de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG. 

Esta actividade resulta moi acaída se temos en conta que este concello da Costa da Morte non foi obxecto da recolla toponímica exhaustiva que se realizou mentres o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) estivo activo entre os anos 2000 e 2011. A este feito cómpre sumarmos que desde a posta en marcha de Galicia Nomeada, só recibiu 119 achegas dalgúns dos veciños deste concello que se deron de alta na plataforma colaborativa.

Por tanto, o principal obxectivo desta nova charla Toponimízate será conseguir novos colaboradores que recollan a toponimia de Laxe a través da plataforma Galicia Nomeada. Para iso, explicarase minuciosamente o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada e as súas principais características: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, arquivos de son ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor... 

Tamén haberá un espazo para que as persoas asistentes coñezan a orixe e significado da toponimia do seu concello: nomes como Soesto, Agravil, Conlle ou Aprazaduiro, únicos en toda Galicia, serán os protagonistas dunha das partes da charla que maior interese suscita entre as persoas asistentes.

Oito citas máis ata final de ano 

Ademais de Laxe, a campaña Toponimízate visitará outros oito concellos de aquí a final de ano. Serán Chantada, o venres 19 de setembro a partir das 20 h no Auditorio Municipal; Melón, venres 26 de setembro, a partir das 20:00 h na Casa do Concello; A Estrada, xoves, 2 de outubro, a partir das 19:00 h na Casa das Letras - Biblioteca municipal; Cervantes,  luns 6 de outubro, a partir das 12:00 h no CPI de Cervantes; Baralla, tamén o luns 6 de outubro, a partir das  19:00 h no Centro Sociocultural de Baralla; Mondariz e Mondariz Balneario, venres 17 de outubro, a partir das 19:30 h na Sala de Cultura da Casa do Concello de Mondariz Balneario; Dozón, venres 24 de outubro, a partir das 17:00 h no Centro sociocultural do Castro; e finalmente, Val do Dubra, xoves 6 de novembro, a partir das 20:30 h no Auditorio Municipal. 
 

Tipos