Mazaricos, primeira parada da campaña Toponimízate

A Casa da Cultura do Concello de Mazaricos acolleu a primeira das charlas Toponimízate 2019. Coñece os nomes da túa terra desta nova xeira que, ata final de ano, percorrerá diferentes puntos da xeografía galega. Mais de 80 persoas, entre escolares e público adulto, amosaron o seu interese, durante as dúas horas da charla, en colaboraren na posta en valor da riqueza cultural que reside na microtoponimia do seu concello.

O acto foi conducido por Vicente Feijoo Ares, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, e contou coa presentación do académico Manuel González, bo coñecedor do concello de Mazaricos, do que non só é natural senón tamén fillo predilecto.

Durante a charla, Vicente Feijoo presentou a nova aplicación colaborativa Galicia Nomeada que axiña estará dispoñible e que nos permitirá salvagardar o patrimonio toponímico galego a través da súa xeolocalización. Ademais, os rapaces amosaron moito interese  polo significado dos nomes das súas aldeas e das súas terras. Así, o alumnado aprendeu a curiosa orixe de topónimos como Cumbráns e Serráns, nomes de dous asentamentos de poboación que, case con toda probabilidade, foron fundados por xente procecente de lugares tan afatados como Coímbra, no primeiro caso, ou tan cercanos como A Serra de Outes, no segundo.

A vindeira parada de Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra será o mércores 6 de novembro en Manzaneda, cunha sesión divulgativa, a partir das 11 horas, que se desenvolverá no CEIP Manzaneda.

 

Galería de imaxes
Tipos