Moraña, primeira parada da campaña Toponimízate 2026
A rapazada e a veciñanza de Moraña serán as encargadas de erguer o pano da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra que, un ano máis e xa son nove, volverá percorrer as catro provincias galegas na procura de persoas, institucións e asociacións que se sumen aos milleiros de colaboradores que xa están a conservar o gran tesouro toponímico galego a través da plataforma Galicia Nomeada.
A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convidan a todos os amantes da toponimia e do patrimonio cultural inmaterial deste concello pontevedrés a se achegaren este mesmo mércores 22 de abril ao Multiusos de Moraña a partir das 10:45 horas. Alí estarán agardando os alumnos do CPI Santa Lucía dispostos a sumarse xunto co seu profesorado ás ducias de centros que en todo o país participan no proxecto Galicia Nomeada. Será, xa que logo, un encontro interxeracional en que se convidará aos morañeses máis novos a que recollan dos seus maiores todo o saber que estes atesouran antes de que esmoreza.
O acto do Multiúsos de Moraña será presentado polo alcalde, José Luís Gómez Fontenla, e a concelleira de Cultura, Andrea Domínguez Búa. Foi precisamente Andrea Domínguez, profesora do CPI Santa Lucía, xunto co profesor de Lingua e Literatura Galega deste centro, Daniel Fernández López, quen contactaron coa RAG a comezos de ano co fin de poder levar a campaña Toponimízate a Moraña, tras comprobar a boa acollida que este tipo de actividades teñen noutros centros de ensino. A charla é ben acaída neste concello, pois ten case toda a microtoponimia sen recoller. Só está recollida a parroquia de Saiáns, grazas ao traballo de fin de grao do filólogo Xoán Gorís. Este profesor morañés tamén se ofreceu a colaborar co centro de ensino e co concello na recolleita da microtoponimia do resto das parroquias.
Deste xeito, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, adaptará o contido das charlas ao público asistente e centrará boa parte do relatorio en explicar as principais funcionalidades de Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores coma a versión para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría, a descrición, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor etc.
Ademais desta parte práctica, na parte final da charla explicarase de forma divulgativa a orixe e significado do nome do concello, das diferentes parroquias e das aldeas polas que pregunten as persoas asistentes, ademais de repasar algúns dos novos ditames que inclúe o novo Nomenclátor de Galicia que afectaron ás parroquias e entidades de poboación morañesas: así as freguesías de Amil, Lamas e Saiáns pasaron a denominarse A Amil, Santa Cruz de Lamas e Saiáns ou A Choza despois da análise da documentación histórica e de fontes orais que realizou o equipo técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Poio, seguinte parada na Campaña Toponimízate 2026
Tras Moraña, Poio será o seguinte concello que visitará a Campaña Toponimízate 2026. A charla, que será o vindero 9 de maio a partir das 11:00 horas na Escola do Campo de Combarro, está incluída nos diferentes actos que programa o concello no Día de Colón, un evento que durante toda a fin de semana pretende encher as rúas de Combarro de cor, historia e animación.