Na terra fonda: nova serie documental sobre a nosa toponimia
As nosas costas contan con milleiros de nomes que teñen sempre unha historia detrás. Se queredes coñecer o porqué destes nomes, non perdas Na terra fonda, a nova serie documental que acaba de ver a luz nas redes sociais realizada pola Cooperativa Galega Xarda.
Xarda ofrece servizos de comunicación para o cambio social. Como indican na súa páxina web, son creadoras de formatos xornalísticos, nomeadamente audiovisuais, cos que seguir os temas talvez minoritarios pero que teñen un grande interese polo que nos achegan como sociedade. Na súa curta, mais xa frutífera andaina, crearon interesantísimas pezas como o documental Arinomoude 蟻の詣で | Unha viaxe de Compostela a Kumano ao redor do vínculo entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, en Xapón; ou Risco de Giz, en colaboración con NósTv sobre a fronteira entre Galicia e Portugal.
Agora, Xarda lánzase na aventura de divulgar a nosa toponimia e faino coa serie Na terra fonda, da que xa está dispoñible o primeiro dos episodios. Nel fainos unha achega amena e precisa sobre a talasonimia e, para iso, contan coa axuda de grandes expertos na materia, como Xosé Lois Villar, especialista en toponimia e arqueoloxía, autor do libro Talasonimia da costa sur de Galicia; Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada; Rocío Romar e Álvaro Crego, profesores de ensino secundario que colaboran no proxecto Galicia Nomeada e que entre os dous recolleron máis de 1.000 topónimos de Malpica e da Mariña. Neste primeiro episodio tamén participa José Barizo Castelao, informante e mariñeiro.
O capítulo pode verse na súa canle de Youtube, mais tamén o deixamos aquí, baixo estas liñas, para visualizalo xunto co vídeo que se estrea o vindeiro 2 de outubro, co título As marcas, o GPS e a talasonimia en perigo.