O alumnado do IES Becerreá, xunto co seu profesorado e veciñanza, súmanse ao proxecto Galicia Nomeada

O IES de Becerreá abriulle ás portas á campaña Toponimízate este xoves 19 de outubro. O salón de actos do centro recibiu a campaña coa que a Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística procuran a implicación da poboación galega na recuperación e recolla da súa toponimia tradicional, na que a rapazada ten moito que dicir: elas e eles son os garantes de que a transmisión entre xeracións continúe.

A charla foi presentada polo alcalde becerreense, Manuel Martínez Núñez, e polo director do instituto, Fernando Cerecedo González. Nela estiveron presentes, ademais de varios veciños deste concello e de algúns concelleiros, o alumnado dos cursos de 3º e 4º da ESO, e de 1º de BAC. Todos eles xa foron preparados previamente para o tipo de contidos que ían escoitar polo seu profesor de Lingua e literatura galega, Antón Bao.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, convidou a todos os membros da comunidade educativa do centro e ao propio concello a se sumar ao máis de medio cento de institucións de ensino espalladas polo país que xa incluíron o proxecto Galicia Nomeada entre as súas actividades educativas. Ademais, o traballo que poidan realizar desde o seu instituto é máis que esencial: Becerreá está nos últimos postos de Galicia en canto á colaboración cidadá, pois só hai 3 achegas públicas rexistradas na plataforma. Falta, xa que logo, que sexan elas e eles os que se poñan mans á obra.

Como non podería ser doutro xeito, a grande parte da charla estivo protagonizada pola aplicación Galicia Nomeada e as súas funcionalidades. Logo dunha introdución sobre a importancia da nosa toponimia tradicional, Vicente Feijoo mostrou as funcionalidades da aplicación móbil e de escritorio para que a rapazada de Becerreá poida traballar sen dificultades. Todos amosaron especial interese nesta parte do obradoiro.

A parte final da charla quedou reservada para explicar o significado do nome do concello e das súas 25 parroquias. Resultáronlles interesantes as distintas teorías que existen sobre a orixe e significado do topónimo Becerreá, xa que por un lado está a etimoloxía popular e por outro as hipóteses científicas dos distintos especialistas que investigaron este nome. 
Segundo a lenda, o nome do concello está motivado por un suceso acontecido nunha feira antiga na vila na que un dos becerros que alí se vendían saíu fuxindo tras a pedrada dun cativo. Ninguén foi quen de detelo, agás o alcalde que conseguiu acougar o animal ao berro de “Becerro, ah! Becerro, ah!”. Porén, a verdadeira orixe é menos fantasiosa: a maioría dos especialistas coinciden en que Becerreá provén dun nome de persoal de posesor medieval *BECERRIUS, a través da fórmula (VILLA) BECERRIANA, de igual xeito que o topónimo Lourenzá vén de (VILLA) LAURENTIANA. Aparece documentado no século XIII como Becerrana: “...de Alfonso Gomez de Valcarcer ... quanto ayo en Becerrana, termino de Valboa...”.

No final da actividade, que se estendeu ata as 2 horas, o alumnado puido preguntar polo significado dos nomes das aldeas nas que viven o nas que habitan os seus avós.

Este mesmo venres, cita en Vila de Cruces

Após a charla de Becerreá, o venres 20 de outubro Vila de Cruces recollerá a remuda nunha cita que está aberta á cidadanía a partir das 19:30 no Auditorio Municipal Xosé Casal.

 
Galería de imaxes
Tipos