O Concello de Redondela inclúe a toponimia menor como un ben patrimonial no seu PXOM

Redondela acaba de presentar unha importante iniciativa para a recuperación e posta en valor da súa microtoponimia: a súa inclusión como ben patrimonial no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM). A semana pasada, a alcaldesa deste concello pontevedrés, Digna Rivas, anunciou esta decisión nun acto que contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o vicesecretario desta institución, Henrique Monteagudo, e cun dos académicos do Seminario de Onomástica da RAG, Gonzalo Navaza.

A iniciativa súmase ao gran traballo de recuperación da toponimia menor que desde hai uns anos está a levar a cabo o municipio redondelán a través do seu Servizo de Normalización Lingüística. O maior pulo débese ao actual técnico de Normalización, Xurxo Martínez. Este proxecto, centralizado nunha páxina web propia, está formado polo traballo de campo coa recolla toponímica parroquia a parroquia, lugar a lugar e topónimo a topónimo, ademais da publicación de libros co estudo filolóxico da toponimia e da microtoponimia de cada unha desas freguesías redondelás. 

No acto, ademais, a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, anunciaron que, aos nove libros de toponimia xa publicados, van sumarse este mesmo ano o estudo das parroquias do Viso, Trasmañó e Reboreda. Estaremos pendentes das novidades para incluílas na nosa sección de Publicacións de interese, onde xa están dispoñibles as publicacións anteriores: Cesantes, Ventosela, ChapelaSaxamonde, Quintela, Cedeira, Vilar de Infesta, Cabeiro e Negros.

Neste importante labor de recuperación e difusión da toponimia redondelá ten un papel central o proxecto Galicia Nomeada, pois é a ferramenta que están utilizando neste concello para poñer a disposición da cidadanía  todos estes centos de microtopónimos recuperados. De feito, Xurxo Martínez figura entre as 10 contas de usuario que máis topónimos incluíron en Galicia Nomeada desde a súa posta en marcha en decembro de 2019, con 1.673 nomes engadidos.

Víctor Freixanes, presidente da RAG, quixo felicitar o Concello de Redondela “pola súa aposta decidida na defensa e promoción da lingua e cultura galegas” e salientou especialmente o feito de que Redondela inclúa a toponimia dentro do catálogo de bens patrimoniais no seu PXOM. Unha iniciativa para protexer este patrimonio é “algo que honra a este Concello”, ao xuízo de Freixanes.

Desde Galicia Nomeada, unímonos ás palabras do presidente da Real Academia Galega para lles agradecermos aos responsables do Concello de Redondela e do seu Servizo de Normalización Lingüística o importante labor que están a realizar para que esta parte do noso patrimonio inmaterial, a toponimia, non esmoreza de vez.
 

Tipos