O IES Arcebispo Xelmirez I abre as súas portas a Galicia Nomeada 

-

Nesta páxina demos conta do interesante proxecto multidisciplinar sobre tradición oral que están a levar a cabo durante este curso escolar na RadioClic!, a emisora do IES Arcebispo Xelmirez I. Como complemento a el, os equipos de Biblioteca, o de Dinamización da Lingua Galega, os departamentos de Sistemas e Aplicacións Informáticas e mais o de Lingua e Literatura Galegas do centro, tamén organizaron varios obradoiros que teñen como obxectivo darlles un contexto práctico ás entrevistas que se realizan na radio e achegarlle máis polo miúdo ao alumnado cada unha da voces e iniciativas que pasan polas ondas radiofónicas de RadioClic!. Neste contexto, tamén quixeron contar cun relatorio de Vicente Feijoo Ares para coñecer polo miúdo en que consiste o  proxecto colaborativo Galicia Nomeada para a salvagarda da microtoponimia galega e de toda a tradición oral vencellada a ela. 

O pasado 4 de abril, o coordinador técnico de Galicia Nomeada achegouse ao IES Arcebispo Xelmirez I convidado por María José Nieto, profesora de Francés e coordinadora de RadioClic!, e mais por Eva Conde-Corval, docente do Departamento de Sistemas e Aplicacións Informáticas. Vicente Feijoo ofreceulles un relatorio sobre o importante papel que xoga a toponimia na nosa cultura e como a oralidade conseguiu que os nomes de lugar chegasen aos nosos días xeración tras xeración; moitos deles nunca foron escritos, soamente pronunciados. 

Mais esta transmisión mudou por completo nas últimas décadas, ao cambiaren tamén as relacións persoais ou a forma coa que nos interactuamos co noso territorio; factores que, xunto a outros están a pór en risco a conservación deste patrimonio cultural inmaterial. Este é o alicerce en que se baseou o proxecto Galicia Nomeada. Daquela, Vicente Feijoo convidou a todo o alumnado presente a participar no proxecto, pois nas súas mans está conservar e transmitir este patrimonio para as xeracións futuras. Para iso, dispoñen dunha ferramenta acorde cos tempos, a plataforma Galicia Nomeada, que foi a protagonista de boa parte da charla.

Ademais desta parte práctica do relatorio, Vicente Feijoo xogou cos rapaces a descubrir a súa cidade: grazas a xogo Atopando Compostela, un recurso para se entreter mentres se afonda na toponimia da capital galega, os rapaces descubriron de onde veñen os nomes de moitas das rúas da cidade, como a rúa da Raíña, a rúa do Preguntoiro, a rúa de Sae se Podes... 

Unha vez máis, queremos agradecer e aplaudir a todo o equipo que está a levar a cabo o proxecto de RadioClic! no IES Xelmirez I por esta oportunidade que nos brindaron para dar a coñecer o noso proxecto Galicia Nomeada no seu centro; en especial, polo seu entusiasmo e agarimo con que nos trataron, a María José Nieto e Eva Conde-Corval.

Galería de imaxes
Tipos