O IES do Barral de Ponteareas súmase ao proxecto Galicia Nomeada

Un novo centro de ensino sumará as súas achegas toponímicas ao proxecto colaborativo Galicia Nomeada, o IES do Barral de Ponteareas. O pasado xoves 26 de outubro, Vicente Feijoo, coordinador técnico da plataforma de recompilación da nosa microtoponimia, acudiu a este concello pontevedrés para transmitirlles ao alumnado de 3º da ESO deste centro e a parte do seu profesorado a importancia que teñen no noso día a día os nomes dos lugares, sexa dunha grande poboación, sexa dunha leira ou dun penedo, do perigo que corren de desaparecer estes últimos e da necesidade que temos de os conservar para as xeracións futuras.  

A iniciativa deste obradoiro partiu da profesora Cristina Pérez Pérez, xefa de departamento de Lingua e literatura galegas do centro, e da súa compañeira Belén Suárez Bugarín. Elas contactaron coa Real Academia Galega para se interesar pola plataforma Galicia Nomeada e a posibilidade de facer un obradoiro no que explicarlles as súas principais características ao alumnado e ao profesorado para poñerse mans á obra na recolleita dos nomes das terras de Ponteareas.

Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, acudiu á chamada para realizar unha actividade co alumnado que resultou moi práctica e produtiva. Nela explicoulles que teñen diante unha grande oportunidade de contribuír co seu gran de area a este gran proxecto cultural colectivo que é Galicia Nomeada, ademais de divulgar para todo o mundo os nomes dos lugares onde transcorre a súa vida cotiá e a dos seus antepasados. Ponteareas só ten recollido pouco máis de trescentos topónimos nun territorio moi extenso, polo que cómpre remangarse para recoller centos deles antes de que se perdan. 

Para iso, convidounos a traballar coa aplicación Galicia Nomeada, algo que lles encantou porque poderán facelo desde o seus propios dispositivos móbiles, para introduciren na plataforma os nomes de fontes, leiras, regatos, montes, penedos... que de seguro achegarán con moito agrado e ilusión os seus pais, avós e veciños. Con este obxectivo, recibiron unha formación detallada sobre as funcionalidades da plataforma colaborativa: como darse de alta, como introducir un novo topónimo, como engadir información oral ou documental na ficha dun topónimo, como facer suxestións para corrixir lingüística ou xeograficamente un nome subido por outro colaborador etc.

Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos agradecer a iniciativa do IES do Barral de Ponteareas, especialmente a Cristina Pérez e a Belén Suárez, por incluíren entre as súas actividades e proxectos escolares este traballo ao que lle van sacar moito rendemento desde o punto de vista didáctico: os rapaces e rapazas falarán o galego cos seus familiares, traballarán coas novas tecnoloxías na nosa lingua e descubrirán moitas historias do territorio no que viven.
 

Galería de imaxes
Tipos