O IES Gregorio Fernández de Sarria sóbese ao proxecto Galicia Nomeada
A listaxe de centros de ensino que queren colaborar na recuperación da nosa micrtoponimia non para de crecer neste ano 2024. O pasado luns 21 de outubro, Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, viaxou ata o concello de Sarria para formar a un grupo de estudantes de 3º e 4º da ESO do IES Gregorio Fernández.
A iniciativa partiu de Patricia Coucheiro González, profesora de Filosofía neste instituto, á que se uniron posteriormente María Luz Núñez Gómez e Pilar Saavedra Morandeira, profesoras de Lingua e Literatura galega deste mesmo centro. Patricia e Luz foron as encargadas de presentar o relator e mais o obradoiro de formación sobre a plataforma Galicia Nomeada, facendo fincapé na importancia que ten traballar coa toponimia no mundo do ensino, se temos en conta o gran potencial didáctico da información lingüística, histórica e cultural que nos achegan os nomes de lugar.
O obxectivo desta charla foi sensibilizar os mozos e mozas asistentes do papel tan importante que teñen nas súas mans; isto é, recoller dos seus avós e avoas, pais e nais, veciños e veciñas, toda a información que poidan sobre a microtoponimia non só do concello de Sarria, senón doutros concellos limítrofes como Paradela, O Incio ou O Páramo, de onde son naturais algúns dos alumnos e alumnas presentes no curso de formación. Para isto, Vicente Feijoo explicoulles todo o que poden facer coa aplicación Galicia Nomeada, tanto desde os seus ordenadores coma nos seus dispositivos móbiles: introducir un novo topónimo; gravar un audio para rexistrar a fonética; engadir algunha foto, documento, descrición ou lenda; facer unha suxestión sobre un topónimo errado ou mal situado...
O plan de traballo deseñado conxuntamente entre as dúas profesoras e o coordinador técnico de Galicia Nomeada inclúe, por un lado, a gravación de audios e a introdución de fotos ou lendas naqueles topónimos do concello de Sarria que xa figuran no visor de Galicia Nomeada. Cómpre destacar que neste concello xa se recolleran máis de 9.000 microtopónimos na época do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011); concretamente, foran recompilados por un dos actuais técnicos revisores do proxecto Galicia Nomeada, Óscar Castro. Daquela, o labor do alumnado que sexa dalgunha das aldeas do concello de Sarria será completar esa información xa rexistrada ou corrixila se fose necesario nalgún caso. Por outro lado, o alumnado que viva ou que teña familiares nas aldeas dos outros concellos da comarca de Lugo onde aínda non se recolleu ningún microtopónimo, serán eles os pioneiros en engadilos na plataforma Galicia Nomeada.
Agardamos que de aquí saia un traballo moi produtivo e do que todos eles poidan sacar un gran rendemento a nivel persoal e académico. Desde Galicia Nomeada, estaremos pendentes para axudalos coas dúbidas que teñan e para darlles folgos.