O IES Illa de Arousa súmase ao proxecto de Galicia Nomeada
As alumnas e alumnos do IES Illa da Arousa son os novos colaboradores con que conta Galicia Nomeada. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro acaba de poñer en marcha o “Proxecto TopArousa”, unha iniciativa de recuperación e coñecemento dos nomes das terras e do mar que rodean toda a illa na que a rapazada de terceiro e cuarto da ESO descubrirá a historia deste paraíso natural.
O proxecto foi impulsado polo Departamento de Lingua Galega, dirixido por Fe Souto, en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística, coordinado por Helena Domínguez García. Con elas tamén colabora Sandra Beis, profesora de Lingua e responsable da Biblioteca, así como outros profesores e profesoras do centro, que colaboran co equipo de dinamización. Helena Domínguez, oriúnda da Illa, xa iniciara hai anos a recolleita de microtopónimos no blog “Na Illa", que inclúe unha sección denominada Talasonimia da Arousa. Agora procuran ir un paso máis alá ampliando a listaxe de topónimos e xeorreferenciando estes e outros moitos nomes da terra e do mar.
Deste xeito, o alumnado procurará información entre familiares e veciños maiores, que aínda conservan na memoria os nomes de moitos lugares, para inventariar a microtoponimia da illa e indagar nas súas orixes. Posteriormente, introducirán a través da aplicación Galicia Nomeada cada un dos nomes sinalados pola veciñanza, quedando así xeorreferenciados e a disposición de todos os usuarios e usuarias da rede. Está proposta educativa resulta de vital importancia para a salvagarda do patrimonio inmaterial arousán, pois na Illa de Arousa non se fixera traballo de recolleita de topónimos por parte do desaparecido Proxecto Toponimia de Galicia.
O proxecto TopArousa consta de varias fases. Na primeira, Helena Domínguez, contactou co coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada para formar ao alumnado. Así foi que, o día 25 de abril, Vicente Feijoo acudiu ao IES para darlles aos alumnos e alumnas de 3º e 4º dúas charlas informativas sobre a importancia da toponimia galega como patrimonio cultural, falarlles da urxencia que corre a súa recuperación e como empregar a aplicación Galicia Nomeada para subir esta información cultural á rede. Ademais, tamén lles explicou a etimoloxía ou significado dos nomes dos distintos barrios nos que vive o alumnado dentro desta illa.
O seguinte paso foi pórse mans á obra e introducir o alumnado na toponimia local sobre o terreo, a través dunha ruta guiada. Esta mesma semana comezaron os roteiros toponímicos pola Illa de Arousa. Segundo se relata nunha noticia aparecida estes días no Faro de Vigo, estas camiñadas arrancan na zona da Abilleira e diríxense cara un dos barrios máis antigos da Illa, Pedracerrada . De aí van cara ao Portiño, “unha pequena praia, convertida hoxe en paseo marítimo, onde amarraban as dornas e que estivo moi vencellada á conserva. O Regueiro, a rúa do Con do Moucho, A Igrexa e A Torre son outros dos puntos que percorren.
A rapazada descoñecía a gran maioría dos nomes e sorprendéronse da grande riqueza toponímica que os rodeaba. Esta curiosidade fará que sigan preguntándolles aos seus maiores por outros moitos microtopónimos que nos falan da historia desta illa e das xentes que a poboaron.
Desde Galicia Nomeada agradecemos e aplaudimos esta iniciativa do IES da Illa de Arousa pola salvagarda e posta en valor, ante as xeracións máis novas, de centos de nomes que estaban destinados a perderse.