O IES Poeta Díaz Castro súmase a Galicia Nomeada a través do ProxectoTERRA
A chegada da primavera trouxo consigo un novo centro de ensino que se suma á recuperación da nosa toponimia tradicional a través de Galicia Nomeada. Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto, visitou este mércores 20 de marzo o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz co fin de implicar a unha boa parte da comunidade educativa guitiricense nesta gran tarefa colectiva que suma milleiros de persoas implicadas por toda Galicia e ducias de centros de ensino.
Esta acción dinamizadora xurdiu do departamento de Xeografía e Historia do propio centro, a través dos profesores Jairo González e Fátima Castro. Durante este ano académico, o alumnado de 2º da ESO do IES Poeta Díaz Castro está a participar no ProxectoTERRA, un Plan Proxecta do Colexio de Arquitectos de Galicia dirixido ás distintas etapas educativas co fin de contribuír a mellorar a formación que a poboación escolar galega ten sobre as xentes, os espazos e os lugares que habitan. Dado que neste proxecto ten certa relevancia a toponimia, desde o centro guitiricense decidiron contactar coa Real Academia Galega para solicitar unha charla divulgativa sobre o valor cultural da toponimia galega e para saber como colaborar no proxecto Galicia Nomeada.
Como non podía ser doutro xeito, Vicente Feijoo acudiu á chamada encantado de ofrecerlles un obradoiro práctico durante dúas horas que estivo dividido en tres bloques. No primeiro, realizou unha pequena introdución sobre a importancia da toponimia galega como patrimonio cultural inmaterial e o risco que corre de desaparecer. Nesta parte quixo facer fincapé no papel tan importante que teñen as xeracións máis novas na súa conservación para non romper a cadea da transmisión xeracional.
A seguir, a parte máis práctica do obradoiro serviu para presentar as funcionalidades da aplicación Galicia Nomeada e o inmenso labor que están a realizar centos de persoas por toda a xeografía galega, así como das distintas iniciativas levadas a cabo noutros centros de ensino traballando e aprendendo coa súa toponimia local. Agora que se achega o período de vacacións da Semana Santa, agardamos que poidan pór en práctica o aprendido na plataforma tirando da sabedoría dos seus avós e avoas.
Por último, a rapazada do centro puido coñecer a orixe dos nomes das parroquias en que viven. Como adoita acontecer nesta parte da charla, a rapazada prestou moita atención ás etimoloxías dos nomes que usan no seu día a día. Descoñecían que ata hai pouco, 1945, o seu concello non se chamaba Guitiriz, senón Trasparga, e que precisamente o segundo elemento deste topónimo, Parga, está presente na denominación de ata 6 parroquias do concello, todas elas sucadas polo río que motivou o seu nome. Sorprendéronse tamén ao saber que Parga é un topónimo moi antigo documentado desde hai máis de 1000 anos baixo a forma Parriga e que, segundo Bascuas, deriva dunha raíz indoeuropea *PER- co significado de 'atravesar, facer atravesar'.
Agradecemos particularmente o interese dos profesores Fátima e Jairo para sumarse ao proxecto Galicia Nomeada, animamos a todo o alumnado deste centro a participaren no proxecto e convidamos o resto de centros de ensino do país a contactar connosco para levar adiante esta interesante actividade lúdica e didáctica.