O IES San Paio de Tui tamén se une ao proxecto Galicia Nomeada
O alumnado de terceiro e cuarto da ESO do IES San Paio de Tui foi o encargado de abrir o pano das charlas toponímicas nos centros de ensino do país neste ano 2023. A cita tivo lugar o pasado venres 24 de marzo neste centro pontevedrés ao que acudiu Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, para animar a rapaza a comprometerse coa nosa toponimia tradicional e a unirse á comunidade de centros que xa traballan por toda Galicia a prol da súa recuperación.
A iniciativa partiu do profesorado de Lingua e Literatura Galegas do centro, que se implicou na organización e asistiu co seu alumnado á charla. Eva María García Rey, Isabel Castaño Vicente e Monserrat Teixeiro Sánchez amosaron o interese de introduciren nas súas aulas a reflexión sobre os nosos nomes de lugar e a salvagarda da microtoponimia tudense a través da ferramenta Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo ofreceu dúas charlas debido ao numeroso alumnado ao que estaba destinado. Nelas, falouse sobre o valor da nosa toponimia como patrimonio cultural de todos os galegos, tamén dos rapaces e rapazas, o perigo que corren de desaparecer os nosos nomes tradicionais e a responsabilidade que temos como pobo de salvagardalos. Para iso, as novas xeracións teñen un papel destacado, pois poden ser o vencello perfecto entre a memoria oral dos nomes que teñen os seus avós e o rexistro dixital destes a través das novas tecnoloxías. Neste paso, é esencial a aplicación Galicia Nomeada, da que recibiron unha pequena formación sobre as súas principais funcionalidades: como darse de alta, como introducir un novo topónimo etc. Como remate de cada unha das charlas, os rapaces a rapazas coñeceron o que significan os nomes das súas parroquias e aldeas.
Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos agradecer a iniciativa do IES San Paio de Tui e agardamos que o traballo da rapazada deste centro estea axiña dispoñible para todos os galegos e galegas en Galicia Nomeada.