A veciñanza e os membros da corporación municipal de Mondariz Balneario quedaron máis motivados ca nunca para seguir conservando e divulgando o seu patrimonio inmaterial tras a charla Toponimízate

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegou o pasado venres, 17 de outubro, ás terras das afamadas augas mineromedicinais de Mondariz, tras o interese e entusiasmo mostrado por esta actividade por parte da concelleira de Cultura do Concello de Mondariz Balneario, Aurora Corbacho Quintela.  

Foi precisamente Aurora, acompaña pola primeira tenente alcalde deste Concello, Rosa María Alcalde Seijo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Mauro Chivite Alcalde, os encargados de recibir e presentar o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG. Como a actividade estaba programada para os dous concellos que comparten o topónimo Mondariz, tamén estaba previsto que asistise o alcalde, Pablo Barcia Bello, pero non foi posible por un imprevisto de última hora.

Ademais de veciñas e veciños dos dous concellos, a charla contou cun asistente de excepción, o arqueólogo Alberte Reboreda Carreira, unha das persoas que máis contribucións realizou na aplicación Galicia Nomeada desde a súa posta en funcionamento. Alberte achegou á plataforma colaborativa case 2200 topónimos; por iso figura no Podium entre os 10 principais colaboradores do proxecto Galicia Nomeada. Boa parte destas achegas realizounas nos concellos de Mondariz (1287) e Mondariz Balneario (239). Xunto a el, entre o público estaban algunhas das persoas que tivo de informantes nos seus traballos de recolla toponímica nestes concellos, todas elas dispostas a seguir achegando novos nomes.

Durante o relatorio, Vicente Feijoo Ares convidounos a completar a información incluída por Alberte Reboreda con imaxes ou outra información de interese (lendas tradicionais, descricións, audios coa pronuncia dos nomes...). Para poder facer esta tarefa, explicoulles polo miúdo as funcionalidades da plataforma Galicia Nomeada: como solicitar unha conta de colaborador/a, como engadir un topónimo e engadirlle arquivos de audio, fotos, vídeos...; como facer unha suxestión sobre un topónimo existente no visor que non está ben situado  ou que lle falta un artigo etc.  

Na última parte da sesión, reservada como é costume nas charlas Toponimízate, á explicación da orixe e significado dos topónimos maiores dos concellos (parroquias e aldeas), produciuse un interesante debate entre as persoas asistentes respecto do nome actual do concello de Mondariz Balneario respecto da idea de restituír o nome tradicional do barrio en que se desenvolveu o actual municipio, Troncoso, pois en moitos mapas e documentos do século XX aparece citado este municipio como “Mondariz-Balneario o Troncoso”.  Alberte Reboreda, gran estudoso e investigador da historia local, volveu intervir na sesión para apuntar un dato ben curioso: o propio Enrique Peinador, principal promotor da formación do concello de Mondariz Balneario en 1924, elixira nun primeiro momento o nome de Troncoso para o novo concello. Neste artigo explicamos a orixe do nome deste concello.

Na liña das moitas utilidades que teñen os topónimos, Alberte Reboreda contou unha anécdota dos inicios do municipio: a familia Peinador promoveu a constitución de diferentes grupos musicais entre os empregados do Balneario e tres das agrupacións levaron nomes das paraxes do contorno do establecemento hoteleiro: é o caso da banda de música, denominada A Chan da Gándara; do cuarteto de gaiteiros Carregal; e dun grupo de corda pulsada en que participaban moitas mulleres, que se denominaba As Azaídes.

Vicente Feijoo tamén aproveitou este punto da charla para explicar as razóns que levaron ao Seminario de Onomástica da Real Academia Galega a propor a retirada do guión na denominación oficial do concello, un feito que será efectivo cando o Consello da Xunta lle dea o visto e prace á proposta de novo Nomenclátor de Galicia que a Comisión de Toponimia aprobou en xullo desde mesmo ano. 

Desde Galicia Nomeada queremos agradecer a boa acollida e entusiasmo que nos mostraron os membros da corporación municipal, Rosi, Aurora e Mauro, así como o inmenso traballo altruísta do historiador e arqueólogo Alberte Reboreda. Esperamos que eles se convertan en transmisores na zona da nosa mensaxe para que pronto poidamos ter toda a microtoponimia do concello de Mondariz a salvo en Galicia Nomeada, do mesmo xeito que agora se atopa a do concello de Mondariz Balneario.

Dozón, penúltima parada da campaña Toponimízate en 2025

A toponimia tradicional de Dozón será a protagonista da penúltima charla da Campaña Toponimízate neste 2025. A cita, inicialmente prevista para este venres 25 de outubro a partir das 17:00 horas no Centro Sociocultural do Castro, será definitivamente no local anexo á Casa Consitorial de Dozón á mesma hora. 
 

Galería de imaxes
Tipos