O Incio, penúltimo concello en sumarse a Toponimízate neste 2022
Antes de pechar a edición 2022, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra fixo unha parada obrigada no Incio. Na sala de usos múltiples da Casa da Cultura estaba agardando o alcalde, Héctor Corujo, quen ademais de presentar Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, agradeceu que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxesen o foco no Incio e levasen o programa a este concello lucense, pois el persoalmente estaba moi interesado en colaborar con este proxecto para coñecer e protexer a historia local que se agocha detrás dos nomes existentes no seu termo municipal.
Vicente Feijoo quixo incidir que a súa presenza alí non era casual. O Incio é un dos concellos do país que menos achegas públicas ten en Galicia Nomeada: só quince das máis de 50.000 que sumamos ata este momento. Polo tanto, a procura da implicación da veciñanza inciá foi a máxima que guiou a súa charla, pois, a súa participación é crucial para a salvagarda do seu tesouro toponímico. Por iso quixo convidar as persoas asistentes a se daren de alta na plataforma e que transmitisen a importancia de colaborar ás súas amizades e familiares.
Ademais desta alegación e da explicación pormenorizada do funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, houbo a tradicional sección dedicada a debullar a orixe e significado dos nomes deste concello, comezando polo propio topónimo O Incio, sobre o que non existe consenso. Expertos nesta materia como Nicandro Ares cren que pode vir do acusativo un antropónimo, isto é, un nome de posesor, mais esta hipótese é pouco verosímil se temos en conta que debería proceder dun xenitivo. O padre Sarmiento suxeriu que podía vir de INITIUM ou IGNITIUM, pero tampouco nos resulta moi acertado. Navaza, pola súa parte, considérao un topónimo prerromano, quizais referido ás augas, porque semella gardar relación co nome do río Mao a partir dun posible étimo *OM(A)NITIU.