O Teatro da Beneficencia énchese para recibir a campaña Toponimízate
A frase “marco incomparable” inventouse para definir lugares como o que albergou a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra en Ortigueira: o Teatro da Beneficencia, obra de finais do século XIX e cuxa reforma de finais do século XX mereceu o recoñecemento da Bienal de Arquitectura, encheuse en grande parte para acoller unha xornada máis desta campaña que procura concienciar a poboación galega da importancia de salvagardar esta parte tan valiosa do noso patrimonio inmaterial.
Neste maxestoso lugar xuntáronse arredor duns 200 alumnos do IES de Ortigueira, dos cursos de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e mais un ciclo básico de Formación Profesional. Estes estiveron tutelados por 7 dos seus profesores de diferentes disciplinas: lingua e literatura, latín, xeografía e historia... Xunto coa rapazada estaba tamén o alumnado da Universidade Sénior de Ortigueira, o programa de democratización do coñecemento que organiza o concello xunto á Universidade da Coruña e no que participan máis de 50 persoas. E, facendo un gran esforzo, tamén asistiron algunhas das persoas usuarias do Centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira, acompañados pola educadora social Ánxela Paz, quen xa solicitara esta charla no propio centro na campaña do ano 2021. Sumando, ademais, moitos veciños que acudiron interesados polo tema, calculamos que asistiron a esta charla preto de 300 persoas. O acto foi presentado polo concelleiro de Educación e Cultura deste municipio, Juan Manuel Cao García.
Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, non puido máis que expresar a súa gratitude por estar nun lugar como o elixido e ante un auditorio tan amplo, que ilustra tan ben a esencia do proxecto Galicia Nomeada, un proxecto interxeracional e integrador entre a veciñanza de calquera concello. Tamén agradeceu ao técnico de cultura do Concello, Francisco Rivera, o seu interese e dedicación para que asistise moitos dos seus veciños a este acto e, deste xeito, sumar moitos colaboradores a este proxecto cultural.
No inicio do relatorio, Vicente Feijoo fixo especial fincapé na necesidade de recuperarmos a nosa toponimia non só como patrimonio inmaterial de todo o país, senón tamén polo seu valor na nosa vida cotiá. Lembrou que 14 das súas 22 parroquias (Barbos, Devesos, O Ermo, Os Freires, Insua, Ladrido, Mera de Abaixo, Mera de Arriba, O Mosteiro, As Neves, San Claudio, San Salvador de Couzadoiro, Senra e Veiga) non foron obxecto dos traballos de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia, polo que urxe a súa recuperación.
A seguir explicou como solicitar unha conta de usuario, como introducir un topónimo, como enviar suxestións e o resto de características da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, unha parte da charla que lles interesou moito á xente nova. Neste punto, tamén fixo fincapé na importancia da aplicación para a revisión do Nomenclátor oficial de entidades de poboación de Galicia, pois permite enviar suxestións de incorporación de lugares que non están rexistrados ou de modificación daqueles que si o están.
A última parte do relatorio estivo centrada na explicación dos nomes das súas 22 parroquias e de algunha das máis de 700 entidades de poboación. Moitas foron as preguntas que saíron do público, en especial dos compoñentes da Universidade Sénior de Ortigueira, que amosaron as súas ansias por coñeceren a maior cantidade posible de nomes do seu concello. De aí que o evento se prolongase ata case as 3 horas.
Toponimízate desprázase hoxe mesmo a Allariz
A campaña Toponimízate continúa hoxe mesmo en Allariz. A cita será na Casa da Cultura a partir das 20:00 horas.