Os nomes da nosa terra, de novo protagonistas na TVG

Os nomes da nosa terra regresaron á grella da Televisión de Galicia. Este domingo 20 de maio, os espectadores que conectaron co ente público galego ás 12:00 h puideron gozar de media hora coa nosa toponimia e co proxecto documental dirixido por Antón Moure e conducido por Fran Cañotas, que contou co asesoramento científico de Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada. A realización destas pezas audiovisuais beneficiouse dunha axuda do fondo de proxectos culturais “Tece Redes en galego” da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

Os tres novos episodios da serie, dos que xa demos conta nesta páxina web, repasaron varios aspectos da nosa toponimia menos coñecidos pola poboación xeral: os nomes das casas que tamén forman parte do noso patrimonio cultural inmaterial e que cómpre rexistrarmos; a toponimia urbana, neste caso a de Santiago de Compostela, unha cidade cuxa historia se pode percorrer a través dos nomes das súas rúas; e, por último, a toponimia que quedou asolagada debaixo dun encoro galego, recollida grazas a Domingo Martínez “O Ríos”, recentemente falecido, un sabio que coñecía cada recanto das terras de Veigas de Camba e que contribuíu coa súa memoria prodixiosa a salvagardar nun mapa máis de 300 microtopónimos rexistrados por Vicente Feijoo. 

Se non puideches velos na emisión do pasado domingo, podes gozar deles e de toda a serie completa nesta listaxe de reprodución e na sección “Detrás do nome” desta web. 

 

Tipos