Tres novos capítulos para coñecermos “Os nomes da nosa terra”

A serie de microdocumentais “Os nomes da nosa terra” volve ás nosas pantallas para difundirmos a excepcional riqueza toponímica de Galicia que nos fai únicos no mundo. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou este venres os novos tres capítulos que dan continuidade a esta serie documental que suma xa 9 episodios. Ao seu carón, Antón Moure, produtor e director da iniciativa que contou cunha axuda do fondo de proxectos culturaisTece Redes en galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística; e Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e asesor científico destas pezas audiovisuais. 

Estes tres novos episodios de “Os nomes da nosa terra” continúan a liña dos anteriores cuxo obxectivo é visibilizar a riqueza da nosa microtoponimia, desta volta con tres aspectos talvez menos coñecidos pola poboación xeral: os nomes das casas que tamén forman parte do noso patrimonio cultural inmaterial e que cómpre rexistrarmos; a toponimia que quedou asolagada debaixo dos encoros galegos e como poder recollela a través da aplicación Galicia Nomeada; e a toponimia urbana, neste caso a de Santiago de Compostela, unha cidade cuxa historia se pode percorrer a través dos nomes das súas rúas.

Para achegármonos a cada un dos temas, procurouse un formato no que se lle dá voz e visibilidade aos sabios da cultura popular, “aos que pensan que non teñen nada importante que dicir, aos que son un dos activos culturais máis necesarios do noso país, aos nosos maiores” en palabras de Valentín García na presentación dos episodios. Mais tamén teñen un papel importante en cada un deles a “xente máis nova comprometida coa lingua e coa cultura, que nos transmiten ese sentimento tan necesario de continuidade e de identidade colectiva compartida”, continuou o secretario xeral.

Vicente Feijoo, coordinador científico do proxecto "Os nomes da nosa terra", quixo aproveitar a presentación para agradecerlle a Antón Moure a súa aposta por este tipo de formato ameno e didáctico que pretende chegar “ás redes sociais e á televisión para informar a poboación galega do tesouro que temos e do risco que corre de perderse” así como “para involucrar moitas persoas na súa salvagarda a través de Galicia Nomeada”. Tamén houbo palabras para Fran Cañotas, un condutor de excepción para este espazo, pola súa profesionalidade, retranca e empatía coa xente das nosas aldeas.

Estes tres novos capítulos, que xa están dispoñibles na nosa web na sección "Detrás do nome", súmanse ás seis pezas que viron a luz a finais de 2021 e que no 2022 foron emitidos pola Televisión de Galicia. Nelas falábase do valor da microtoponimia e da necesidade de salvagardala a través do proxecto colaborativo Galicia Nomeada en seis puntos distintos do noso país: Barcia de Mera (Covelo), Arteixo, A Coruña, Oleiros, Marzoa (Oroso) e O Monte do Pindo (Carnota). O obxectivo era dar a coñecer esta riqueza que temos en Galicia e como a xente podía participar na súa salvagarda a través da aplicación Galicia Nomeada.

Galería de imaxes
Tipos