Outeiro de Rei coñece a importancia de salvagardar a nosa toponimia tradicional

A Casa da Cultura do Concello de Outeiro de Rei acolleu este venres unha nova charla de “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, a campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, divulga o valor da nosa toponimia tradicional e procura colaboradores na súa salvagarda.

O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, foi o encargado das presentacións da charla, que foi conducida por Vicente Feijoo, o coordinador técnico de toponimia do Seminario de Onomástica da RAG.

Como noutras ocasións, o acto estivo dividido en dúas partes. Na primeira, as persoas asistentes coñeceron a importancia e o valor da riqueza toponímica e o risco que corre de perderse, tanto en Outeiro de Rei como en Galicia; de aí, a importancia de colaborar na súa salvagarda. Para iso, aprenderon o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza e mesmo enviar suxestións de corrección sobre os case 900 nomes de lugar rexistrados na plataforma para o Concello de Outeiro de Rei.

Logo da posta en valor da nosa toponimia tradicional, na segunda parte do relatorio o público asistente na Casa da Cultura puido coñecer a orixe e significados dalgúns dos topónimos de Outeiro de Rei. De entre os máis de 190 nomes de entidades de poboación e parroquias do concello, Vicente Feijóo salientou a ampla presenza do territorio de atropónimos rematados en -ai e -oi, como Aspai, Caboi, Candai ou Taboi, que nos remiten ao pasado medieval e á ampla riqueza onomástica da época: Aspanius, Calapodius, Candianus ou Candinianus e Tabulonis, nomes estes hoxe totalmente esquecidos.

Ribeira estrea as charlas vía streaming

A vindeira charla divulgativa da campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” será en Ribeira este luns 19 de outubro a partir das 16:30 h. A ela asistirá a rapazada dos dous centros de ensino do concello, o IES Leliadoura e o IES Nº 1, grazas a que será retransmitida a través da canle de Youtube da RAG. Ademais destes dous centros, tamén será proxectada no Centro Cultural Lustres Rivas e na Aula CEMIT de Ribeira para aquelas persoas interesadas do concello que non pertenzan á comunidade educativa.

 

Galería de imaxes
Tipos