A rapazada de Begonte coñece o valor dos nomes de lugar do seu territorio

A cativada de Begonte xa está preparada para salvagardar a súa toponimia tradicional. Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, visitou este xoves 29 de febreiro o CEIP Virxe do Corpiño de Begonte para transmitirlles unha mensaxe clara ás nenas e nenos begonteses: son talvez a peza máis importante na recuperación da nosa toponimia tradicional, pois elas e eles son necesarios para recoller todo este patrimonio dos seus maiores, conservalo e garantir que chegue ás próximas xeracións.

Así llelo transmitiu nunha visita que comezou cunha sorpresa: no recibidor do centro estaban colocados os nomes das parroquias de Begonte sobre unhas pólas de árbore, unha actividade previa á visita que realizaron os propios nenos e nenas nas aulas de plástica e que serviu para coñeceren a división territorial do seu concello e os nomes de cada unha das súas freguesías.

A iniciativa desta visita partiu da concelleira de Cultura begontesa, Sonia Varela, tamén docente no ensino secundario. A finais de novembro de 2023, a campaña Toponimízate fixo parada na Casa da Cultura de Begonte e a propia Sonia Varela foi a encargada da presentación. Tras o relatorio de Vicente Feijoo, comentou a posibilidade de adaptar a experiencia para o alumnado do CEIP Virxe do Corpiño e, deste xeito, implicalo nesta tarefa colectiva e colaborativa que é a recuperación dos nomes das terras, penedos, regueiros... do territorio no que viven.

O obradoiro, que foi presentado tamén polo director do centro, Eliseo Real Franco, estivo adaptado ao público asistente, uns 25 nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e tivo tamén como obxectivo implicar a toda a comunidade educativa do centro na salvagarda da microtoponimia de Begonte, seguindo o exemplo de máis de medio cento de centros de ensino que dun xeito ou doutro inclúen Galicia Nomeada entre as súas actividades escolares. Ademais dunha pequena introdución sobre que é a toponimia e a importancia que xoga nas nosas vidas, o alumnado e profesorado puideron aprender a traballar coa aplicación Galicia Nomeada. O seguinte paso despois deste obradoiro é que os nenos e nenas comecen a recoller os nomes das terras máis achegadas ás casas onde viven os seus avós e avoas. Posteriormente, na aula, o profesorado axudaraos a introducir os nomes na plataforma Galicia Nomeada.

Por último, Vicente Feijoo explicou un por un os nomes que eles mesmos aprenderon ao prepararen a decoración da entarda do centro. Moito se sorprenderon ao coñeceren que estes topónimos levan existindo desde hai séculos e séculos e que moitos deles proceden de nomes de persoa da Idade Media: así pasa co propio nome do concello, Begonte, que facía alusión á explotación agrícola e ás terras dunha persoa chamada VOCONTIUS/BOCONTIUS. Temos o primeiro rexistro deste nome desde hai máis dun milenio, pois parece baixo a forma Boconti no testamento do bispo Sisnando, do ano 966. Outro dos moitos nomes de posesor medieval cos que conta este concello é Baamonde, recollido como Villa Bademundi nun testamento de 1019 e procedente dunha persoa chamada BADAMUNDUS.

Co CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, xa son cinco os centros de ensino visitados neste curso escolar, dous deles a través da campaña Toponimízate e tres no último mes. Agradecemos a oportunidade ofrecida pola comunidade docente begontesa de levar o noso proxecto ás súas aulas e convidamos ao resto de centros de ensino do país a contactar connosco para levar adiante esta interesante actividade lúdica e didáctica.  
 

Galería de imaxes
Tipos