Begonte súmase á salvagarda da nosa microtoponimia 

Begonte é un novo concello que se suma á tarefa colectiva da sociedade galega de recoller e difundir a través das novas tecnoloxías un dos maiores patrimonios culturais inmateriais que posúe un pobo, a súa toponimia. A campaña Toponimízate fixo unha parada ao pé da antiga N-VI, onde se localiza a Casa da Cultura begontesa, para concienciar os veciños do risco que corre de desaparecer a súa toponimia menor e como poden axudar a salvagardala coa aplicación Galicia Nomeada. 

O pasado venres 17 de setembro, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, achegouse a este concello lugués onde o agardaba a concelleira de Cultura, Participación Cidadá, Promoción do Emprego e dos Movementos Asociativos, Sonia Varela García, encargada de presentar a actividade, xunto con David Pena Roibás, técnico de Cultura e Deporte. 

Begonte é un claro exemplo do proceso de transformación poboacional que está a vivir Galicia: en pouco máis de vinte anos, perdeu un cuarto da súa poboación e desde mediados do século XX, a metade. Ademais, máis dun terzo dos seus habitantes teñen máis de 65 anos. Á crise poboacional súmase o feito de ter soamente recollida a súa microtoponimia nunha das súas 18 parroquias, concretamente na de Trobo, que foi obxecto de traballo na época do PTG.  

Estes datos servíronlle a Vicente Feijoo para facer fincapé na urxencia da recuperación e recolla dos nomes das leiras, dos montes, das fontes, dos penedos... que aínda existen na memoria das persoas maiores deste concello, tal e como fan día tras día os milleiros de colaboradores con que conta Galicia Nomeada: grazas ao traballo altruísta de todas estas persoas, 14.000 topónimos foron recuperados no que vai de ano e máis de 70.000 desde a súa posta en marcha a finais do ano 2019. 

Vicente Feijoo pediu a colaboración dos begonteses presentes na charla para que espallasen esta necesidade entre a súa veciñanza e colaborasen todos no proxecto Galicia Nomeada, cada un cos nomes do territorio que mellor coñeza. Así, ofreceulles un obradoiro práctico sobre as funcionalidades da aplicación colaborativa para a recolleita da nosa microtoponimia, tanto da versión de ordenador como da versión para dispositivos móbiles. 

Tras a parte técnica do relatorio, chegou o momento da explicación dos seus nomes cotiáns, unha parte baseada no traballo de investigación etimolóxica realizado por un filólogo veciño deste concello, Paulo Martínez Lema, e publicado baixo o título Toponimia de Begonte e Rábade, dentro da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega.  

Un dos trazos que definen esta terra lucense é a cantidade de antropotopónimos que podemos atopar, comezando polo propio nome do concello, Begonte, derivado de VOCONTIUS ou BOCONTIUS, ou Baamonde (de BADAMUNDUS, de *badu ‘loita’ e mund- ‘man, protección’); Baldomar (de BALDEMARUS, formado por *balþ ‘valente, audaz’ e un segundo *mar, talvez emparentado con voces como *marha ‘corcel de batalla’, marei ‘mar’ ou mesmo *marka ‘marca, fronteira’); Damil (de *DAMIRUS, de *dans- ‘danés’ ou *dags- ‘dia’ e -mêreis ‘célebre’); Donalbai (de DOMINI ALBANI); Feimil (de FILIMIRUS, de *filu ‘moito’ e -mêreis, ‘célebre’)... Tamén resultou para os asistentes moi curioso o significado do topónimo Fonte Filloa, único no Nomenclátor de Galicia e cuxo segundo elemento talvez é un fitotopónimo. 

Dúas novas charlas Toponimízate antes de pechar novembro 

O mes de Santos pecharase con dúas novas accións da campaña Toponimízate, que se desenvolverán esta mesma semana. A primeira terá como protagonista o alumnado do IES San Mamede de Maceda, que recibirá a campaña o martes a partir das 12:30 horas; o venres, pola súa parte, Vicente Feijoo trasladarase ao Centro Cultural de Ponte Caldelas para ofrecer unha nova charla a partir das 20:00 horas. 

Galería de imaxes
Tipos