A recuperación da toponimia tradicional dáse cita en Rodeiro
O Centro Cultural Manuel Lamazares é o lugar que o Concello de Rodeiro pon á disposición de toda a veciñanza interesada en coñecer a súa toponimia tradicional e colaborar coa Real Academia Galega mais coa Xunta na súa recuperación. Alí estará Rubén Quintá, alcalde deste municipio, para presentar a charla Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, xunto coa persoa que a imparte, Vicente Feijoo, este venres 7 de outubro a partir das 20.00 horas.
A Real Academia Galega e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística convidan a todas aquelas persoas que coñezan ben os nomes de cada recuncho do territorio de Rodeiro a que colaboren na súa compilación a través da ferramenta Galicia Nomeada. Esta aplicación leva xa recibidas máis de 48.000 achegas públicas desde a súa posta en funcionamento, mais só 170 deses topónimos están situado neste concello da comarca de Deza. Por tanto, é necesaria máis que nunca a implicación da poboación rodeirense para conseguir conservar os nomes das súas leiras, camiños, fontes, montes etc.
Tendo en conta o anterior, o coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares, explicará con detalle como darse de alta na plataforma e as principais características do seu funcionamento.
A segunda parte do relatorio estará centrada, como é habitual, na explicación da orixe e do significado das parroquias e lugares de Rodeiro. Entre eles, chama a atención unha pequena aldea da parroquia de San Salvador de Camba denominada A Parrocha, que nada ten que ver na súa orixe co peixe homónimo. Segundo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica e colaborador na campaña a través das etimoloxías dos lugares, as diferentes Parrochas toponímicas situadas no interior e en partes onde dialectalmente se emprega o substantivo xouba para se referir á sardiña pequena, teñen como orixe unha pequena construción semellante a unha cabana ou unha cepa silvestre, significados estes dous que foron recollidos na nosa lexicografía para o termo “parrocha”.
O luns 10 de outubro, Fisterra
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra non ten parada neste mes de outubro: o vindeiro luns 10, a cita coa toponimia tradicional será na sala de actos do Concello de Fisterra a partir das 17:00 h.