Regresa Toponimízate para divulgar o valor da nosa toponimia en 8 concellos neste outono

A campaña Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra está de volta. Logo da obrigatoria paréntese provocada pola pandemia, a iniciativa de divulgación da toponimia galega, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará a 9 concellos do país co fin de difundir a nosa riqueza toponímica e involucrar moitos colaboradores neste gran proxecto colectivo de salvagarda dos nosos nomes de lugar a través da plataforma Galicia Nomeada.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron na sede da RAG a campaña, xunto a Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que será o encargado de impartir as charlas nas diferentes localidades.

O presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do Seminario de Onomástica. “A toponimia é a ciencia que estuda os nomes de lugar, a memoria da nosa paisaxe e da nosa xeografía, memoria humanizada que se constrúe ao longo do tempo, de xeración en xeración, e que constitúe un patrimonio de enorme valor. Galicia é un dos espazos europeos con máis riqueza cultural neste eido, cada metro cadrado ten nome de seu, significación histórica que marcaron os devanceiros”, destacou. Víctor F. Freixanes referiuse tamén á necesidade de implicar o público xeral “na descuberta dun patrimonio que debe conservarse e transmitirse ás novas xeracións” e agradeceu a implicación “de tanta xente do común, particulares e institucións” nesta campaña.

Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, sinalou que “Toponimízate constitúe a difusión e a socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante como son os nomes da terra. Busca a colaboración e o prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome. É tamén un exemplo de colaboración entre administracións e unha entidade tan importante como a Real Academia Galega, coa que dende hai algúns anos estamos indo da man con este proxecto de referencia”.

Vicente Feijoo informou de que as charlas constan de varios bloques temáticos: comezarase falando da riqueza toponímica que ten o noso país e do risco que corre de perderse; a continuación explicarase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza; posteriormente falarase das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral, desta información cultural unha vez xeorreferenciada e normativizada; por último, darase conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado,  contarase coa colaboración do especialista do Seminario de Onomástica da RAG e profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza.

Datas programadas na campaña

A cuarta edición desta campaña tivo xa unha primeira cita no mes de xuño no concello pontevedrés de Marín, mais o groso da campaña desenvolverase nos vindeiros meses. Así, a próxima cita será este mesmo venres, 1 de outubro, en Triacastela, a partir das 18:00 h nunha carpa municipal instalada fronte á Casa do Concello.

As actividades, ademais, estarán adaptadas ás condicións sanitarias provocadas pola pandemia e, como novidade respecto das campañas anteriores, este ano haberá tres sesións vía streaming coa finalidade de poder chegar ao maior número de persoas posibles. Deste xeito, a primeira será o día 18 de outubro en Ribeira e proxectarase desde as 16:00 h no IES Leliadoura, no IES Nº 1 de Ribeira, no Centro Cultural Lustres Rivas e na Aula CEMIT; en Meaño, o 19 de novembro, proxectarase a partir das 12:00 h no IES de Meaño, no CEIP As Covas e na Casa da Cultura de Dena; e, por último, no Barco de Valdeorras, a charla telemática será  o 23 de novembro a partir das 16:30 e poderá verse no IES Lauro Olmo, no IES Martaguisela, na Casa da Cultura e na Aula CEMIT. As charlas tamén serán retrasmitidas pola canle de Youtube da Real Academia Galega

As localidades en que se realizarán de forma presencial as charlas Toponimízate son por orde cronolóxica: Triacastela (1 de outubro, ás 18:00 h na carpa municipal instalada diante da Casa do Concello; Outeiro de Rei (15 de outubro, ás 19:00 h no Salón de actos da Casa da Cultura); Carnota (5 de novembro, ás 19:00 h no Salón de plenos da Casa do Concello); e no Irixo (12 de novembro, ás 18:30 h na Sala multiusos da Casa do Concello).

Peche especial en Ortigueira

A edición deste ano da campaña porá o ramo cunha edición especial das charlas Toponimízate: será o 3 de decembro no Centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira. Con esta actividade da memoria procúrase relacionar o envellecemento activo e a calidade de vida dos nosos maiores coa recuperación da nosa toponimia tradicional, un tema que para eles é tremendamente próximo e importante. Elas e eles son os que atesouran, manteñen e gardan a memoria colectiva da nosa riqueza toponímica e, por iso, representan un dos nosos maiores activos culturais.
 

 

Galería de imaxes
Tipos