A serie documental “Os nomes da nosa terra”, protagonista do programa cultural Zigzag da TVG
O proxecto documental da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Os nomes da nosa terra, foi protagonista o pasado sábado,19 de febreiro, no programa da Televisión de Galicia Zigzag Fin de Semana, que podes ver nesta ligazón. O espazo conducido por María Solar fíxose eco desta serie documental de 6 capítulos conducida por Fran Cañotas e dirixida por Antón Moure, que se presentou aos medios no mes de xaneiro.
A presentadora, María Solar, quixo salientar a calidade de cada un dos documentais da serie que, ao seu xuízo “quedaron ben bonitos e ben amenos”; mais, sobre todo, chamou a atención sobre a implicación dos veciños e das veciñas na súa realización, especialmente da xente nova. Vicente Feijoo, experto en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e convidado ao programa como asesor dos micro-documentais, rompeu unha lanza en prol da xente nova e puxo o foco na importancia da transmisión interxeracional para o mantemento da nosa microtoponimia.
O coordinador técnico de Galicia Nomeada destacou que as características do noso territorio e a nosa propia idiosincrasia como pobo son dúas das chaves que explican que Galicia sexa, a xuízo dos expertos en toponimia, un dos territorios con máis densidade nominativa que se coñece en Europa. Tamén alertou sobre o risco que corre de desaparecer todo este patrimonio inmaterial noso e o importante que é a súa recuperación a través da ferramenta colaborativa Galicia Nomeada.
Aproveitou tamén o convite para agradecerlles a Antón Moure, á Asociación Socio-Pedagóxica Galega e ao equipo o enfoque e o cariño dado en cada unha das pezas documentais.
Como xa comentamos hai uns días, podes ver os 6 capítulos que forman Os nomes da nosa terra nesta mesma páxina na sección “Detrás do Nome”. Neles poderás dar un paseo virtual por Barcia de Mera, Oleiros, Arteixo, A Coruña ou Oroso e perdéreste nas interesantes orixes que contan os protagonistas de cada vídeo, veciños e veciñas de cada un dos lugares.