Toponimízate achégase a Chandrexa de Queixa na procura dos nomes da súa serra
O próximo venres 29 de xullo, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra regresa a Ourense, desta vez, ao concello de Chandrexa de Queixa. A charla terá lugar a partir das 19:30 horas no antigo colexio de Celeiros, xunto á capital municipal e será presentada polo alcalde, Francisco Rodríguez.
Un dos obxectivos fixados pola Real Academia Galega na edición deste ano desta campaña divulgativa foi procurar persoas colaboradoras naqueles concellos nos que é máis urxente recuperar a súa microtoponimia. Chandrexa de Queixa reúne dous dos factores máis importantes de risco: por un lado, non formou parte do Proxecto Toponimia de Galicia que se levou a cabo a comezos de século, o que implica que non se iniciaron os traballos de recollida; e, por outro, presenta un marcado despoboamento nas últimas décadas, que provocou a redución da súa poboación a case a metade en só 20 anos. De feito, Chandrexa de Queixa é o segundo concello do país con menor densidade de poboación, segundo o Instituto Galego de Estatística. Outro factor que cómpre ter en conta neste municipio ourensán foi a construción do seu encoro a mediados do século XX, o que provocou a perda de multitude de microtopónimos e mesmo dunha entidade de poboación, A Pousa, que hoxe non figura no Nomenclátor de Galicia.
Por tanto, a charla deste venres procurará tamén recoller esta valiosa información das persoas asistentes e convidalos a participar no grande proxecto de recuperación da nosa toponimia tradicional que é Galicia Nomeada. Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto, centrará grande parte do relatorio na explicación do funcionamento da plataforma Galicia Nomeada para que a veciñanza poida contribuír a salvagardar os nomes de fontes, camiños, penedos, leiras e demais, nomes que forman parte do patrimonio inmaterial cultural de todos os galegos.
As persoas asistentes á antiga escola de Celeiros tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes que forman a súa paisaxe cotiá, tanto das súas parroquias como das súas entidades de poboación e mesmo o nome do concello.
A Fonsagrada, próxima parada na campaña Toponimízate
Logo de Chandrexa de Queixa, a campaña Toponomízate descansará tres semanas ata o 19 de agosto, en que se desprazará ao concello da Fonsagrada. A charla será no Salón de Actos da Casa do Concello da partir das 19:00 h.